Os medios oficiais de comunicación divulgan que o goberno da Xunta está a realizar unha política de adelgazamento da administración pública, sobre todo en cargos de consultas e asesorías, co fin de aforrar cartos públicos. Non podemos agardar que os gabinetes de comunicación das diversas consellerías nos informen no sentido contrario, sería botar pedras contra o seu propio tellado. Se queremos saber o que pasa non nos queda máis remedio que facer a lectura máis aburrida e pesada que a un se lle poida ocurrir, a dos DOG.
Efectivamente, a pesar do que se diga pola boca grande, a Consellería de Educación, convocou unha orde para contratar 22 asesores o pasado 11 de xuño. Catro desas prazas correspondían á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). Se un le con algo de vagar as bases desa orde non tarda en comprender que, alén a farramalla formal que ten que ter toda a litertura que se publica no DOG, a elección dos asesores está controlada desde o poder político. Basta con ver como está formada a comisión de selección:
Presidente: o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue, en función dos distintos postos que se vaian cubrir.
Vogais: Ata un máximo de catro, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou área da Consellería
de Educación e Ordenación Universitaria.
-Un funcionario ou funcionaria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario ou secretaria con voz e sen voto.
De entre todos os seleccionados a min chamoume a atención un dependente da SXPL, o asesor técnico docente no centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. A praza foille outorgada a Luis González Tosar, o presidente do PEN Clube, moi coñecido polo que me contan, por ser o autor de moitos dos discurso de Fraga cando era presidente da Xunta ao tempo que se declaraba comunista convencido. Dinme que tamén son moi famosas as súas cuchipandas organizadas con cargo ás contas públicas.Se todo isto é certo o señor pouco me parece de fiar.
Que será o primeiro que fará Tosar desde a asesoría para a Investigación en Humanidades do Ramón Piñeiro? Irá a Cuba a crear un cargo, actualmente inexistente, de lector/divulgador/promotor do galego, (cargo de grande valor simbólico e cun enorme campo de actuación)? Atreverase?
O mes pasado Tosar declaraba que "a aparente liberdade bilingüista non é máis que un intento por tratar de destruír a nosa lingua", no entanto acaba de ser nomeado como asesor nunha praza que conta co benplácito de Anxo Lorenzo. A conclusión non pode ser outra que non podemos agardar nada de proveito deste nomeamento. Veremos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario