Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 26 de agosto de 2010

Pablo e Anxo

O anterior post, sobre os nomes en galego/castelán,  fíxome pensar na xente do meu arredor e nos nomes que lle puxeron aos seus fillos. Por iso deixo estas anotacións por aquí.

Teño uns veciños que teñen un rapaz de 5 anos, chámase Anxo, porén os pais chámanlle Anso. Nesa familia falan sempre en español, aínda que non teñen un odio manifesto polo galego. Por exemplo, non están de acordo co decreto de plurilingüismo, no entanto educan ao rapaz en castelán e tampouco teñen unha conciencia a respecto da lingua que os faga reflexionar sobre os problemas de vivir en galego, polo tanto tampouco lle transmitirán ao neno uns valores sociolingüísticos libres de prexuízos.
Que pasará con Anxo no futuro? Probablemente desenvolva toda a súa vida en castelán, coñecerá e tratará con algúns galego-falantes, lerá nos seus anos de estudo media ducia de libros en galego,  de cando en vez verá algunha película na TVG, escoitará as noticias da radio galega e ese será todo o seu contacto coa nosa lingua.

Un compañeiro de traballo vive na mesma vila ca min, tamén ten un neno de 5 anos, Pablo. El e a súa muller falan sempre en galego, "é o que me sae" pero non se lles pasou pola cabeza poñerlle Paulo ao rapaz.  Neste caso teñen asumido que se van ao banco a pedir unha hipoteca todos os papeis son en castelán, non ven o problema porque sempre foi así. A pesar disto educan ao seu fillo en galego.
Que pasará con Pablo no futuro? Pablo é amigo de Anxo, e como xa se decatou de cal é a lingua protexida, a que non dá problemas, a lingua A da sociedade, falan nos seus xogos en castelán. Nos vindeiros anos, fomentada pola política lingüística da Xunta, o contacto de Pablo co castelán non será suficiente para conter a abafante presenza desta lingua na sociedade (medios, publicidade, TICs, amistades, prexuízos instalados e fomentados,...). Cada día Pablo falará con máis frecuencia en castelán, primeiro reservando o galego para a familia, despois nin tan siquera iso. "Es lo que me sale", acabará dicindo Pablo.
Non sería raro que no transcurso dos anos Pablo continúe mantendo a súa amistade con Anxo, ao que lle chamará Anso.

P.S.: acabo de ver pola rúa aos meus veciños e comprobei que eu estaba equivocado, a Anxo non lle chaman Anso, senón Ancho.

Ningún comentario:

Publicar un comentario