por Xabier P. Iglesias, en MundoGaliza:
Estas semanas un brillante artigo do compañeiro Carlos Callón en Galicia Hoxe serviu para dar inicio a un litixio dialéctico a conto do estado de saúde do noso idioma. Desta volta o debate non versaba sobre o retroceso no seu uso social, senón sobre o empobrecemento lingüístico do código.
Vaia por diante que non son filólogo, e que polo tanto véxome obrigado a envolver na prudencia debida as miñas afirmacións e xuízos. Porén, non hai ciencia, tampouco a filolóxica, que non poida ser abordábel por non-especialistas aplicando o mínimo de intelixencia e de sentido común que se lle presupón a calquera.
Na miña opinión o debate está desenfocado porque non se segmentan axeitadamente as diferentes cuestións que o compoñen. Porque se mesturan aspectos, que inda ligados a un tronco común, non son equivalentes e esixen de análises diferenciadas.
Comparto con Callón a evidencia de que a lingua galega está inmersa nun proceso de hibridación lingüística co idioma español, que a deturpa. Coincido en que este feito é un síntoma relevante da satelización do noso idioma, que padece a diglosia cando non a completa exclusión en amplos ámbitos de uso en beneficio do español, e que ademais é un indicador da falta de valorización do propio.
Os castelanismos, e a deturpación castelanizadora no fonético e no léxico, omnipresentes en amplos sectores de galego falantes, son ao igual que a crecente presenza de anglicismos e outros préstamos en linguas consolidadas coma o español, un efecto derivado da superposición, inda que sexa lateral, dun ou varios códigos sobre outros, claramente ligado con fenómenos de superposición cultural.
Os español falantes non empregan anglicismos, coma no pasado utilizaron galicismos, para darse a entender amabelmente a foráneos. As e os galegos non incorporamos palabras e expresións integramente españolas ao uso do noso idioma tampouco por esa causa. Sostelo é como mínimo unha imperdoábel inxenuidade que non ten asento argumental, inda que quen o faga sexa un filólogo como recentemente lin nun retruque ao artigo de Callón.
Ben, é certo. É preocupante a falta de valoración que denota o desleixo lingüístico cando se trata do uso do galego. É certo que determinadas perversidades lingüísticas que se perpetran contra da nosa lingua –mesmo por institucións e autoridades- non serían permisíbeis para outros idiomas (reparemos na ortografía ou na sintaxe…). É ademais, sensato e fundado acreditar en que esta situación está influída, se cadra mesmo determinada, polo feito de non tratarse dunha lingua plenamente normalizada no seu uso e en que debemos facer os esforzos colectivos e individuais necesarios para a corrixir, desterrando os barbarismos que desnaturalizan a nosa fala. Até aí perfecto.
Porén, discrepo da mestura intencionada ou subconsciente deste aspecto se se quer máis académico, científico e/ou filolóxico, con outros aspectos da situación do noso idioma, nomeadamente co relativo ao retroceso (cuantitativo enténdase) no seu uso.
Explícome. É desexábel, e fico certo de que existe unanimidade nisto, que o uso social dun idioma, máxime cando é o propio, sexa o máis correcto posíbel. Pero erramos por completo se no debate presente arredor do noso idioma, situamos en primeira plana e ao mesmo nivel a cuestión filolóxica-normativa e a súa necesaria normalización –entendida esta como proceso encamiñado a estender o uso da lingua propia de cara a súa hexemonía social-. Por iso, pese a me reivindicar como reintegracionista discrepo absolutamente da estratexia social do reintegracionismo.
Que nunha rúa de Vigo che espeten “me das fogo para o cigarro?” pode que resulte aberrante e inadmisíbel desde un punto de vista normativo, como o é escribir “bacacións”. Porén, dada a situación vixente do noso idioma, particularmente acredito en que é merecente de aplauso o esforzo lingüístico do que emana esa aberración fronte á imposibilidade cotiá de vivirmos un só día plenamente en galego na principal cidade de Galiza, por citar un exemplo concreto.
Son esas aberracións as que caracterizan as máis das veces o difícil tránsito das e dos monolingües en español ao galego; e dígoo desde a experiencia propia como neofalante desde os 14 anos. E malia que todas e todos debamos contribuír en axudar a quen comete tais incorreccións, a través da corrección amábel e non do reproche violento, a través da sedución e non da culpa, o primeiro e fundamental, moi por diante diso, debe ser envolver en apoio e complicidade ese difícil tránsito, que topa con enormes resistencias e dificultades sociais. Antes e primeiro de nada habemos reforzar positivamente a quen decide usar o galego como lingua vehicular.
En que contribuímos á normalización lingüística do galego se ás barreiras sociais, culturais, resultantes da negación colonial da nosa lingua e cultura, lle engadimos tamén a barreira normativa? Eis a cuestión central neste debate.
Como sostén Xose Manuel Pereiro nun recente artigo en El País, que considero que non contradí o defendido por Callón, eu tamén prefiro falantes dun galego formalmente deturpado á resignación fronte o retroceso imparábel no uso da nosa lingua. Do mesmo xeito que prefiro á viguesa AID no meu MP3 co seu hip-hop en galego que noutro idioma, malia que exista o enxebre xénero da regueifa.
Pode que sexa unha xerarquización resultado da desesperación, mais nesta altura para min debe prelar a promoción do uso sobre a corrección no manexo do noso idioma. Precisamente pola súa importancia para nós como pobo, como nación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario