por X. A. Pérez Lema, avogado, no Xornal de Galicia:
O xornal electrónico Vieiros naceu no 1995 da man do seu editor, Lois Rodríguez, nun tempo no que as posibilidades comunicacionais da web global para Galicia e para a lingua galega estaban totalmente por escribir.
Naqueles anos derradeiros do século XX nacía, tamén, Xornal.com e xurdían iniciativas varias que amosaban a pluralidade, creatividade e vizosidade da vida cultural e cívica galega, nun proceso acompañado polo agromar das industrias culturais, o relativo desenvolvemento do audiovisual galego e a crecente toma de conciencia cidadá a respecto do territorio, do ambiente e da gobernanza que representou o proceso dos meses posteriores ao sinistro do Prestige. Vieiros era a parte sobranceira dun cobizoso proxecto global só desenvolvido en parte. Estes quince anos Vieiros salientou pola apertura informativa que supuxo, a riqueza do debate que xerou, a pluralidade e calidade das súas colaboracións, a normalidade coa que asumiu un monolingüismo en galego aberto ao uso de variantes distintas á oficial nas colaboracións e opinións dos seareiros ou por unha liña editorial próxima ao nacionalismo político, máis aberta a outras formulacións políticas e sempre independente e crítica.
Como nos dixo o editor na súa carta derradeira, moi probabelmente Vieiros seguiría a abrir as súas páxinas electrónicas de non ser pola xestión dun seu antigo diretivo que está chamado a dar contas dos graves perxuízos que xerou coa súa conduta perante os xuíces competentes.
Mais o peche de Vieiros tamén nos advirte das ambigüidades e carencias dun proceso de consolidación e ampliación da conciencia nacional e de modernización social e económica que semellaba imparábel até o 2008 e que hoxe semella en devalo pola grave crise social e económica, pola regresión electoral e social do nacionalismo político, pola recentralización política e mediática á que se lle da pulo dende Madrid e pola agresividade do goberno galego actual a respecto da lingua e cultura galegas, ademais da súa apatía e pasividade nas políticas de promoción empresarial.
No entanto, temos a honra de poder partillar a opinión nestas páxinas de Xornal de Galicia cos excelentes compañeiros que xurdiron das páxinas de Vieiros (Marcelino F. Mallo, Camilo Nogueira, Manolo Barreiro, Rafa Cuiña e moi axiña Sucasas). Ogallá os seus seareiros atopen tamén nestas páxinas unha canle aos seus requirimentos de debate, información e opinión.
Adoita medirse en 15 anos o tempo dunha xeración. Velaí que, nesta perspectiva, sexa tan merecente de recoñecemento o labor do editor Lois Rodríguez, dos seus directores Rocío Castro, María Yáñez ou Moncho Vilar e de varios moi bos xornalistas e profesionais que deron o mellor da súa xuventude a este proxecto comunicacional. O proxecto de servir de altofalante a unha Galicia de seu, libre e moderna que, aínda á volta destes 15 anos, non sabemos se é a que vai habitar no noso futuro ou vai ser viábel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario