Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 9 de agosto de 2010

Castelao contra Casares

Na última nova que colgou a SXPL na súa web, informa de que este departamento colabora activamente coa fundación Carlos Casares e tamén con "outras fundacións que xorden arredor dunha figura senlleira das letras galegas. É o caso da Fundación Rosalía de Castro, da Fundación Vicente Risco e da Fundación Otero Pedrayo." O certo é que se repasamos a traxectoria do departamento dirixido por Anxo Lorenzo temos varias referencias á fundación Carlos Casares, que parece que se está significando como a fundación favorita desta etapa do goberno galego, e algunha mención a cada unha das outras que aparecen reflectidas nas liñas de arriba. Por exemplo, a principios de xullo a Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez Abad asinaban un acordo coa fundación Rosalía de Castro para a realización de diversas iniciativas arredor da figura e da obra da escritora do Rexurdimento, en troques non houbo colaboración ningunha por parte de ningún organismo da Xunta co acto cívico e reivindicativo da AELG en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro que se celebrou unha semana despois de asinar dito acordo. Trátase entón de promover o galego a través da figura de Rosalía de Castro? Se así fose, por que, neste 125 aniversario da morte da escritora,
tampouco se promoveu ningún roteiro polas vivendas que tivo Rosalía en Santiago? , por poñer só un exemplo.
Hai máis preguntas que teñen respostas clarificadoras a respecto da política que está levando a cabo a SXPL. Repítense os convenios e a divulgación sempre das mesmas fundacións. Que pasa coa  fundación Castelao?, cantos convenios e colaboracións asinou con Anxo Lorenzo?. Se temos en conta que a web das noticias da SXPL informa sobre os acontecementos máis nimios e insospeitados, se nalgún momento houbese tal colaboración seguro que aparecería destacado polo gabinete de comunicación desta secretaría xeral. O mesmo podemos dicir da fundación Uxío Novoneyra, a fundación Curros Enríquez, a fundación Losada Diéguez, ou a fundación Eduardo Pondal.
E isto se falamos só da estraña categoría de "fundacións que xorden arredor dunha figura senlleira das letras galegas". Non sei se alguén pensou algunha vez no catálogo formado por este tipo de fundacións, vese que na SXPL non teñen outra cousa que facer e adícanse a establecer tipoloxías raras co único fin de gabar a súa propia actuación. No entanto, se non caemos na trampa de restrinxirnos só á categoría de fundacións das letras galegas, podemos botarlle o ollo a outras como a fundación Penzol, coa que tamén colabora a SXPL, ou a fundación Manuel María, coa que non colabora a SXPL.
Despois de vistas as fundacións que son do gusto da secretaría xeral e das que non entran dentro deste ámbito, comenzamos a enxergar con que criterio se escollen as dignas de convenios e se exclúen as outras?

Ningún comentario:

Publicar un comentario