por Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe:
Eu pensaba que de toda a vida se dixera abuelo e abuela. Aprendérao así e así llo escoitaba a meus irmáns, meus pais, meus tíos, miñas tías, aos colegas da escola e a tanta outra xente. Eran un abuelo e unha abuela, iso si, que tiñan ese e tónico ben aberto, aínda que eu daquela non reparaba nesas sutilezas.
No colexio aprendín que en galego correcto se dicían avó e avoa. Eran palabras que eu usaba entre as catro paredes da aula e só entre as catro paredes da aula. Para o resto do mundo, abuelo e abuela. Desde os meus ollos infantís non era tan estraña esa diferenza entre o que aprendía na escola e o que eu dicía no día a día. Xa tiña escoitado a varias persoas que na miña Ribeira natal non falabamos "ghallegho-ghallegho", senón un chapurreado, unha má mestura que non era nin unha cousa nin a outra. Claro que despois de ouvir razoamentos coma eses eu preguntábame onde sería que se falaba galego de verdade.
Até a puberdade e a primeira adolescencia, non dei respondido de vez a esta pregunta. Foi cando me decatei, con todas as consecuencias, de que o galego é a lingua de Galiza e de que, se nós non somos nós, ninguén será nós.
Decateime tamén nese tempo de con que forza o galego era unha lingua ferida, precisada dun coidado e un esforzo especial por parte dos seus falantes. A súa secular proscrición obrigouna a deixar polo camiño moitas palabras, expresións e estruturas que era tempo de restaurar. Aí tiñamos -temos- unha obriga particular todas as persoas que sentimos sensibilidade polo idioma de noso. Por fortuna, non en todas as zonas de Galiza se perderan por igual estas formas restituíbeis e moitas delas mesmo se mantiñan en determinados falantes, normalmente os máis anciáns.
Nese camiño a Damasco, sentinme como quen ve o mundo con outras lentes diferentes e é capaz de reparar en elementos que antes eran imperceptíbeis. Lembro, así, a miña sorpresa adolescente cando a miña avoa Pepa e a miña tía avoa Luísa lles escoitei falar entre elas usando a palabra xaneiro, e non o enero que eu sempre aprendera. Aínda hoxe me abraio co xenial uso que fan miña nai ou miña tía Pepita do infinitivo persoal ou mesmo da interpolación pronominal, característicos dun bo galego, que eu fora perdendo sen ser consciente do que perdía.
Descubrín, tamén, que a palabra avó, que eu consideraba como unha reliquia, na realidade só se perdera de forma maioritaria na xeración de miña nai. Non é só que en termos históricos fose moi recente esa substitución, senón que había falantes vivos que escoitaran outras formas para designar os pais dos pais e que, cando menos en ocasións, aínda as utilizaban. En Ribeira, por unha banda, usábase madre seguido do nome da avoa e padre seguido do nome do avó. Por exemplo: a avoa podería ser "madre Rosa" e o avó "padre Lourenzo". Son formas perfectamente etimolóxicas (mater, pater) e penso que a priori non deben considerarse castelanismos. Mais, aínda no caso de os seren, é interesante observar que palabras que estaban xeneralizadas hai dúas xeracións deixaron de se transmitir, para se substituíren de vez por unhas formas ás que lles deu prioridade o castelán: abuelo, abuela.
Ademais, tal e como testemuñan moitos falantes maiores, e por conseguinte como recollen tamén os atlas lingüísticos, en Ribeira designábanse os pais dos pais como... avô e avó. Isto é: dicíase avô, con o fechado, para o pai da nai ou do pai, e avó, con o aberto, para a nai do pai ou da nai. Igualiño que en portugués, por certo. Non dá para pensar? Canto de "naturais", canto de "palabras de toda a vida", canto de "expresións que sempre se dixeron así" teñen tantísimos españolismos que ateigan as nosas conversas cotiás? A verdade é que son barbarismos que podemos e debemos aspirar a desnaturalizar. Porque o proceso de recuperación e extensión social do galego é tamén o proceso da súa restauración interna.
É curioso repararmos en como hoxe son motivos de sanción social negativa tanto o uso dun castelán incorrecto como o uso dun galego correcto. Sobre todo cando hai unha boa fonética ou entoación, ese galego xenuíno tende a chamarse "gallego cerrado". O referente de corrección do galego deixa de estar centrado en si mesmo e pasa a ter como eixo o español. Noutras palabras, para moita xente, un bo galego é aquel que se parece ao castelán: sen acento, sen infinitivos persoais, con léxico cada vez máis idéntico co español... Un galego satelizado, que se podería converter de forma progresiva nun dialecto do castelán, aínda que formalmente siga a ser galego.
A censura social fixo que moitos falantes espontáneos optasen por usar palabras ou expresións que socialmente ou son vistas de forma positiva ou reciben un tratamento neutro e non sorprenden a ninguén. Podemos imaxinar mil situacións, mesmo alén das vareadas das escolas franquistas, da exclusión forzada do galego en tantos ámbitos do poder etc. Pensemos nun caso máis amábel para transmitir a dita censura social. Unha muller que vai a unha cafetaría pola mañá e di que quere almorzar. O camareiro, todo simpatía, dille cun sorriso que o que ela quererá é desayunar, pois até o mediodía non se serven almorzos. Ela pide un cacao morno e o camareiro pon cara estrañada e faille de eco: "Ah, templado?". Aquí non houbo burlas nin ordes nin multas, mais si se lanzaron moitas mensaxes eficaces e efectivas. A fundamental: que se usas eses termos a conversa xirará sobre como falas e mesmo se poderán meter contigo. E, en fin, que son erros (si: erros) que podes corrixir, aínda que sigas a falar en galego.
Substitúense así unhas palabras e expresións por outras, que se converten en habituais e se transmiten. Esa é a moeda corrente en falantes sen consciencia lingüística (lembrémolo: hai milleiros de falantes unilingües de galego que mesmo din falar español).
Mais nos falantes con sensibilidade ou consciencia polo idioma que é o que acontece? Hai casos dun uso da lingua con tanta preocupación e esmero como adecuación ao contexto. Mais tamén hai moitos exemplos, demasiados, nos que se realiza un uso gravemente desleixado. Unha escusa que se utiliza moitas veces é que se trata de que o galego que se utilice non resulte forzado, porque o galego ten diferentes rexistros. Mais esta resposta ten moitas contradicións e fraquezas, porque non parece moi lóxico escusarse na existencia de diferentes rexistros para ao final só utilizar un único rexistro en todos os ámbitos e contextos nos que se utilice o galego. Como ironizaba un bo amigo, "co conto dos rexistros, algúns só corrixirán os seus erros cando vaian recoller o premio Nobel". Penso que unha boa proposta podería ser: Tentemos o mesmo grao de corrección co galego coloquial que un falante ten co español cando o usa no rexistro coloquial.
É certo que existe unha certa barreira psicolóxica que nos frea neste uso máis xenuíno do noso idioma. Mais é todo cuestión de hábito. Co tempo madurecen as uvas; co tempo, cóllense maduras. Coa práctica, acaberemos renaturalizando as nosas propias palabras, as que se perderán se nós non as usamos..
Ningún comentario:
Publicar un comentario