Entrevista a Heitor Mera, coñecido por ser a primeira persoa que conseguiu o doutoremento pola UNED cunha tese en galego despois de sete anos de loita contra os atrancos que esa universidade de puxo precisamente por iso, por estar redactada en galego. O autor da entrevista é Manuel Vidal Villaverde no Galicia Hoxe, e para lela completa, premer na ligazón.
Comecemos Héitor pola cuestión da lingua galega. Os pequenos avances que tivemos co anterior Decreto de Normalización Lingüística, un Decreto ben de mínimos que nin sequera se aplicou na súa totalidade, por mor do reaccionarismo mesturado coa estolidez de moitos docentes con escasa dignidade e mínima formación tanto en castelán como en galego pois, substitúen o devandito Decreto por un disparate trilingüe teimudamente regresivo...
Ben, no asunto lingüístico semella que un sector importante da poboación galega, influída polo discurso interesado do poder, adoece de certa estupidez colectiva. É interesante comprobar como á mínima, nun xuntoiro perante un bo xantar ou cando acabas de coñecer as persoas que sexa, sae o tema e sempre nunha mesma dirección: o moito que molesta a lingua de nós. Moita xente está teledirixida. Todo o que teña que ver co galego é negativo. Toda escusa vale. ¿Acaso non soa aquilo dos cambios normativos como valado infranqueable para os que non aman a lingua? Disque se lles fai complicado. Non se dan conta de que, por unha banda, poñen en tea de xuízo a súa propia intelixencia perante os demais e, por outra banda, demostran descoñecer o que acontece co castelán (que semella, por omisión, que o controlan moi ben), lingua que sufriu cambios normativos máis fondos que a nosa lingua. Debe ser que manexan de cote o Diccionario panhispánico de dúbidas para opinar con tanta seguridade…. É duro dicilo, pero a ignorancia é o que ten. A poboación ten tendencia a seguir o discurso do poder. Temos que comezar a entender que o poder non está con nós, nunca o estivo. Se a iso lle engadimos que unha "elite intelectual" do país tende a venderse en flagrante traizón ante a esmola do poder… que esperamos. Eles deberan ser o referente e non o son. Agora mesmo o obxectivo, visto o visto, é crear analfabetos funcionais na lingua da nosa terra. Os nenos non aprenderán as materias troncais en galego, como vas ir a tal sitio falando galego… É o que se di. Independentemente de calquera consideración histórica, actualmente o ataque en contra da nosa lingua é brutal. Saben moi ben como facelo: desprestíxiana. Imposición, liberdade… Palabras moi grandes para bocas tan enmerdadas. Diría que é un acto de irresponsabilidade todo o que rodea o asunto da lingua se as autoridades, os responsables que ostentan o poder fosen nosos, pero non o son. É unha operación moi ben orquestrada polos inimigos do País. Rebelémonos empregando a nosa lingua. Amosemos fachenda da nosa identidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario