Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 29 de agosto de 2010

Reflexións sobre o discurso da utilidade do galego como "superlingua" internacional

por Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo:

Con esta achega quero repasar máis polo miúdo algúns dos argumentos esgrimidos nos comentarios recibidos a raíz do meu último artigo O galego na escola e que suscitaron en min unha serie de reflexións de orde máis xeral. O primeiro elemento de reflexión parte dunha pregunta moito concreta que me fixo un lector que quería saber se para min (e para o Partido no que milito) a lingua é 'unha ferramenta ou un fin político'. Abofé que non entendía moito ben a pregunta por non entender que os dous aspectos estivesen en contradición entre si, sendo o galego para min tanto unha ferramenta de comunicación como un elemento eminentemente politizado, tal e como ten demostrado tan descaradamente a recente campaña para o erradicar paulatinamente como paso esencial previo para acabar co pobo galego. Mais, ao ler os comentarios máis adiante, entendín que non se trataba de saber se o galego é unha ferramenta de comunicación para o pobo galego en si, senón de saber se é 'útil' -para utilizarmos un termo proprio da mercadotecnia que nos vén impondo o neoliberalismo- para alén de ser a lingua do pobo galego. De aí a reivindicación do galego, independentemente da denominación que se lle der, como lingua internacional e, por tanto, globalmente 'útil'.

Desta proxección internacional non teño dúbida ningunha. Como xa escribín nun artigo anterior, aínda discrepando sobre a táctica concreta para o momento actual, proclámome reintegracionista ao recoñecer a unidade das variedades lingüísticas actuais do galego-portugués. Niso coincido con Castelao cando di: "A nosa lingua florece en Portugal". Oxalá o entenderen así algún día tamén @s nos@s veciñ@s de Alén Miño, sen falar d@s brasileir@s que veñen instalarse -benvind@s sexan- aquí "em Espanha"...

Mais, en todo o caso, coido que hai que matizar. O reintegracionismo é -e sempre foi- unha casa plural, sen ortodoxias, nin dogmas inquebrantábeis, onde a discrepancia democrática segue a ser, espero, sempre posíbel. Por iso mesmo o título deste artigo alude tan só a unha determinada visión do reintegracionismo e non ao seu conxunto, do mesmo xeito que a concepción do reintegracionismo que expreso me corresponde a min e a ninguén máis, dentro do marco amplo do recoñecemento da unidade lingüística do galego-portugués como modelo culto de referencia.

Un dos principais argumentos nos que se apoia a concepción do galego/portugués como 'ferramenta de comunicación' ante todo é o facto de este ser unha lingua internacional ao par do inglés e, por suposto, do español: o que o Presidente da AGAL, Valentim Fagim, denomina unha "superlingua".

A existencia do galego como lingua internacional é un feito obxectivo innegábel. Mais, seguindo con esta liña de argumentación, xorden, ás veces, unha serie de consideracións que me crean certa consternación. Entre elas destaca a tentativa de lexitimar o galego en función de referencias externas para dar máis prestixio á nosa lingua, no canto de reivindicalo polo valor que representa como primeiro sinal do pobo galego que o creou e desenvolveu.

Para alén da sempre benéfica solidariedade internacionalista, coido que ollar constantemente para fóra para emular modelos alleos -por moito afíns que foren- é un síntoma de inseguridade e menosprezo a respeito do proprio: antítese do nacionalismo moderno que procura a posta en valor do pobo galego e do seu xenio. Este rexeitamento do proprio atopa a súa máxima expresión nesta frase que encabezou un dos comentarios ao meu artigo: "A minha pátria é a língua portuguesa." Pois, se se recoñece a unidade das variedades galego-portuguesas, non hai por que fuxir de chamalo 'galego', refuxiarse nunha denominación lingüística coa que non se identifica o pobo galego, deixando patente a idea de a salvación vir desde fóra. É unha outra manifestación do autoodio clásico, desvalorizando a lingua do pobo galego: ora dialecto do español, ora variedade do portugués.

Evidentemente, estas actitudes non son necesariamente extensíbeis a todo o abano que representa o reintegracionismo no que me inclúo. Recorrer á utilidade do galego como variedade dunha "superlingua" internacional pode ser, sen dúbida, un argumento para convencer aquelas persoas que dubidan do valor do proprio apelando a modelos externos máis prestixiados. Mais non debe tornarse un argumento de consumo interno, evitando sempre a trampa de confundirmos os medios co fin, que non pode ser outro (para min) que a plena socialización da lingua galega polo seu valor intrínseco como lingua do pobo.

De aí deriva tamén a miña segunda reflexión: se o galego non fose unha lingua internacional, se só fose a lingua do seu pobo do mesmo xeito que o euskera ou o bretón..., sería menos 'útil' e, por tanto, menos merecedor de ser falado e defendido? Creo que non. Creo, sinceramente, que o galego hai que falalo e defendelo ante todo porque é un dereito básico do pobo que o creou.

Uns dos produtos que plasman esta realidade do galego-portugués como lingua internacional son os mapas dos 'países lusófonos' que de cando en cando se publican, como máis recentemente o actualizado mapa A nossa língua no mundo. Mais, para alén da realidade obxectiva que pretenden retratar, teño que recoñecer que este tipo de mapas sempre suscitaron en min un certo desacougo, por lembraren outros mapas coloniais, como os do Imperio británico, onde destacaban as (ex-)colonias en vermello.

De facto, acho cando menos interesante sinalar que neste mapa figura Macau, onde a porcentaxe de falantes do portugués non pasaría de 5%, mentres que Luxemburgo e Andorra só aparecen na listaxe de "Países com importantes comunidades de falantes", a pesar de @s lusófon@s representaren até 14% da poboación. A razón é obvia: trátase, en realidade, dunha especie de renovado mapa das ex-colonias portuguesas, membros fundadores, por outra parte, da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).

Mais non se trata só dun mapa que aviva e reivindica de xeito implícito o legado colonial de Portugal, senón que ademais, no seu afán de pór en escena o galego-portugués como 'superlingua' internacional, pasa por encima outros datos relevantes.

Por ser un mapa de orixe colonial, esconde as realidades autóctonas aínda vivas e das que apenas se ouve falar. Por exemplo, por moito que a lingua oficial de Mozambique sexa o portugués, en realidade o número de falantes nativ@s non pasa de 7% segundo as cifras oficiais do censo de 1997, habendo nove linguas africanas máis faladas.

O mapa tamén esquece mencionar que, se ben o portugués é tamén lingua oficial de Cabo Verde, non é esa a lingua que manexa habitualmente a maioría da poboación, senón o crioulo. Así, se non se computa o papiamentu como galego-portugués, tamén non se debería computar os outros crioulos falados desde Macau, Damão e Diu (que non figuran no mapa), pasando por Guiné-Bissau, onde só 14% da poboación fala portugués como lingua nativa.

Como en moitos outros países poscoloniais onde conviven varias linguas autóctonas, en Timór Lorosa'e o portugués serve tamén de lingua franca, elemento da unidade nacional. Esperemos que a promoción da lusofonía neste pais en aras a fortalecer a unidade nacional non pase por unha redución importante no uso das linguas autóctonas, tal e como está a acontecer na actualidade na África do Sul ou, sen ir máis lonxe, como algúns pretenden impor o español para contrarrestar a 'división interna de España'...

A modo de conclusión, cumpre recoñecermos que, grazas ao legado do colonialismo portugués, é unha realidade innegábel que o galego-portugués é hoxe por hoxe unha lingua internacionalmente útil e que esta utilidade se pode utilizar como argumento para aglutinar máis xente á causa da defensa da lingua galega, tan desprestixiada. Mais, aínda que o galego non fose unha "superlingua", tamén cabería defendelo como lingua inalienábel do pobo galego: por ser a nosa.

Parafraseando a Internacional: "Non hai salvador@s suprem@s... Temos que salvarnos nós mesm@s, o pobo galego!"

Ningún comentario:

Publicar un comentario