por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Lembrei eu estoutro día ao Álvaro Cunqueiro que deixou dito que "a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo" e veu tamén á miña lembranza, case de xeito automático, o número de galegofalantes que o noso país perde cada ano que pasa: arredor de 27 mil almas. Mais afinemos os datos, botando man agora do Instituto Galego de Estatística. No ano 2009 o número de falecementos en Galicia atinxiu a cifra de 29.899 persoas e, por outra banda, só 37 dos 315 concellos galegos tiveron ao longo do ano un número maior de nacementos que de mortes, obténdomos no conxunto do país un saldo vexetativo negativo (-7.445), o máis alto de todo o Estado español. Estes son os datos. E son arrepiantes. Morren persoas galegofalantes -máis de 60 diarias, sen dúbida-, que recibiron o idioma na súa inmensa maioría por transmisión oral, e os nenos que nacen -tan escasos, como vemos- non son incorporados finalmente ao uso normal e natural da nosa fala. ¿Temos futuro diferenciado como pobo deste xeito? Cunqueiro, que non era ningún galeguista nacionalista radical -era, iso si, un dos máis grandes escritores galegos e europeos do século XX-, ben sabía que non, e por iso nos deixou esa frase que convén repetir e admitir: "A duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo". Talmente. Mais o certo é que -poñamos sobre a mesa máis datos fornecidos polo IGE- nas grandes cidades galegas a porcentaxe de galegofalantes habituais é moi minoritaria. Vexamos. Na cidade de Ferrol só o 3,93% dos fogares ten como lingua habitual dos seus membros o galego; en Vigo, o 3,96%; na Coruña, o 5,34%, e en Pontevedra o 6,74%. Este é o panorama. De seguirmos así, o futuro do galego nas cidades máis importantes -en Santiago as familias que o falan de xeito habitual no seu ámbito son un 10,62%, e en Ourense un 13,59%- ten os anos contados. De seguirmos así, temos os anos contados. O galego, tan perseguido polos etnocidas de hoxe, esmorece, os seus falantes morren. As mil Primaveras acabarán sendo Outono.
Ningún comentario:
Publicar un comentario