Debido ao seu coñecemento da economía é unha opinión a destascar no ámbito empresarial. Comenta no seu blogue que iniciativas como Deleite son fundamentais para a boa marcha da nosa economía. Porén se destaco aquí un seu artigo é porque lles enviou un texto por ter observado que Deleite considera fai un uso marxinal do galego. O texto de Marcelino Fernández Mallo é o seguinte:
Incorporar a lingua galega viralle ben á súa empresa
1. Razóns polas que debería implantar a lingua galega na organización da súa empresa
Mellora das vendas
Para a gran maioría dos clientes de Galicia, o uso da lingua galega inflúe de xeito positivo nas súas decisións de compra. Ademais, a lingua galega representa un elemento facilitador para a entrada nos mercados lusófonos –Brasil, Portugal, Angola–
Diferenciación da súa oferta
Nuns mercados tan belixerantes coma os actuais, a diferenciación da oferta constitúe un elemento clave de competencia. O uso da lingua galega transmite un factor de autenticidade, orixinalidade e confianza valorado favorablemente tanto polo mercado propio como polos clientes foráneos.
Aumento da rendibilidade
A implantación dun factor de diferenciación fai que os consumidores estean dispostos a pagar unha contía extra nas súas compras ou contratacións. O prezo superior do produto ou servizo que contemple a lingua galega achegará á súa empresa unha maior rendibilidade.
Creación de barreiras á entrada
O uso da lingua galega pode erguer unha barreira –non insalvable, naturalmente– á entrada de novos competidores que haberían asumir a implantación do idioma local para colocarse en igualdade de condicións respecto das empresas galegas que xa incorporen a lingua propia.
Crecemento de beneficios
O conxunto de argumentos anteriores desencadea unha conclusión rotunda: a introdución da lingua galega potenciará a xeración de beneficios da súa empresa. Casos como o operador de cable R así o confirman.
Elemento de identidade
O uso da lingua galega representa tamén un factor de identidade e autoestima que influirá de maneira positiva na disposición competitiva da súa empresa. Non estará defendendo unicamente os valores dos artigos da súa compañía senón os do produto galego en xeral.
2. Ámbitos onde implantar a lingua galega dentro da organización da súa empresa
Comunicación cos seus clientes
Tanto na relación persoal como na telefónica, postal ou electrónica, moitos dos seus clientes agradecerán o uso da lingua galega.
Publicidade e merchandising
Nas rúas, nos xornais, nas televisións e radios que funcionan en Galicia, as mensaxes en lingua galega adquiren unha maior e máis favorable visibilidade. Así mesmo, na sinalización e carteis dos seus centros de vendas e produción.
Sitios web
A maioría dos usuarios galegos de Internet esperan que a presenza online das empresas galegas ou con oferta en Galicia incorpore o idioma propio do País.
Rotulación e etiquetaxe dos produtos
A aplicación da lingua galega, en versión monolingüe ou plurilingüe, nas etiquetas dos artigos fabricados e/ou distribuídos en Galicia é a mellor maneira de identificar a procedencia do produto.
Normas, procedementos e comunicación interior
A mellor forma de interiorizar o idioma propio é levalo á operativa e á comunicación interna da empresa. Así funcionan a maioría das empresas catalás, por exemplo, con magníficos resultados.
3. Servizos e institucións que poden facilitar a implantación da lingua galega dentro da súa organización
Confederación de Empresarios de Galicia http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/1488
Foro Enrique Peinador. Ref. http://www.galeguizargalicia.com/
Servizos municipais de Normalización Lingüística
Incorporar a lingua galega viralle ben á súa empresa
Ningún comentario:
Publicar un comentario