Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 10 de agosto de 2010

Espazos libres de galego

por Diego Pardo Amado, en Terra e Tempo:

Se cadra, os estudantes galegofalantes das xeracións vindeiras teñan de se reunir en espazos habilitados na entrada dos centros de ensino, e mesmo falar galego baixiño, para non molestar
O prestixioso sociolingüista R. A. Hudson defende que con frecuencia utilizamos un idioma, -ou unha variante do mesmo-, coa finalidade de nos identificar co grupo social a que pertencemos ou do que desexariamos formar parte. Desta maneira, a nosa propia autoestima vaise derivar da visión do(s) grupo(s) da sociedade en que esteamos integrados. Con efecto, se os pais ensinaren os seus fillos que a maneira de eles falaren é a "correcta", entón estes han deducir que outros grupos falan menos ben, ficando a súa autoestima reforzada. Nesta altura, o lector/a terá reparado xa, con certeza, na particularidade de o español desempeñar o papel de lingua "correcta" na transmisión interxeracional no noso contexto lingüístico, constatándomos así unha realidade sobradamente coñecida: o idioma propio da Galiza áchase nunha situación de inferioridade e marxinación respecto da lingua oficial do Estado español.
Porén, non é preciso recorrermos ás teorizacións de Hudson para comprobármonos isto, unha vez que é suficiente con pensar nas innúmeras dificultades que calquera galegofalante encontra cando realiza accións correntes da vida cotiá. Requirir información telefónica, consumir unha bebida nun estabelecemento público, comprar calquera produto nunca área comercial, recorrer á Administración da Xustiza, estudar en galego etc., convértense en verdadeiras fazañas.
Por seu lado, a universidade e o ensino en xeral, motor de mudanzas decisivas nas sociedades avanzadas, xoga perigosamente a afianzar esta gravísima anomalía democrática. No entanto, unha parte considerabelmente significativa da comunidade universitaria galega é consciente de que Galiza posúe un marco legal que permite aos poderes e ás institucións públicas unha maior actuación nesta materia, a pesar de a actual administración violar perversamente os nosos dereitos lingüísticos. O goberno debera orientar as súas políticas de modo a conseguir unha sociedade igualitaria, sen ser a lingua que falamos causa de discriminación.
Temos dereito a dispormos de servizos culturais no noso idioma, a sermos atendidos en galego nos organismos públicos, a unha presenza equitativa da nosa lingua e da nosa cultura nos medios de comunicación e a un ensino en galego. As galescolas, -malia a súa desafortunada denominación-, foron iniciativas positivas..., mais non é na hora de un goberno se encoraxar e non afastar a hipótese dunha educación plenamente en galego, e en todos os niveis educativos? Imposíbel na situación actual.
No Reino Unido, a Devolution Act outorga ao País de Gales unha administración e un parlamento propios, e o xefe do seu goberno recibe nada menos que o título de "primeiro ministro". Tanto a administración como todos os servizos públicos son bilingües, e o sistema educativo garante a presenza do seu idioma propio. Así mesmo, dispoñen de medios de comunicación en galés, como a canle televisiva Sianel Pedwar Cymru, que emite desde 1982. En definitiva, o galés é unha lingua que está a se recuperar fronte ao omnipotente inglés, mantendo os seus falantes mesmo na rexión de Inglaterra con fronteira con Gales, en Londres ou no condado de Durham.
No outro lado da medalla, o galego protagoniza unha perda continuada de falantes que indica que a lei non estaba a ser convenientemente aplicada, idioma o noso condenado a morte nas actuais circunstancias. Os cada vez máis frecuentes discursos públicos que xustifican a imposición das linguas estatais fóra do seu territorio histórico responden en Galiza a unha minoría con sentimentos hostís cara ao galego, que contrasta co desexo da maioría da sociedade galega. Ora ben, esta vontade debe ser apoiada polas nosas institucións, especialmente a universidade.
Finalmente, o proceso de mundialización en todos os ámbitos, así como o modelo economicista de crecemento patrocinado por grupos económicos transnacionais xera perigosas desigualdades tamén no ámbito lingüístico. As novas tecnoloxías, especialmente a internet, son imprescindíbeis para a normalización da lingua. A exclusión do galego neste sentido significaría restarlle o prestixio e a utilidade que cómpre recuperar, para tamén algúns reconquistaren a dose de autoestima normal de que falaba Hudson. Do contrario, non sería estraño un futuro na Galiza en que os estabelecementos dispuxesen de carteis en que se representase unha lingua saudábel coa lenda: "Espazo libre de galego. Falar galego prexudica gravemente a súa saúde e a dos que están ao seu arredor".
Se cadra, os estudantes galegofalantes das xeracións vindeiras teñan de se reunir en espazos habilitados na entrada dos centros de ensino, e mesmo falar galego baixiño, para non molestar

Ningún comentario:

Publicar un comentario