Artigo de Rodri Suárez no Xornal de Galicia:
A da masiva mobilización a prol da lingua galega dende o regreso do PP á Xunta é tamén a historia dun maiúsculo erro de cálculo por parte de Feijóo e os seus. Cometeron moitas equivocacións, entre as máis destacadas a de esperar que os socialistas acabarían dándolles osíxeno ou, máis adiante, a de pensar que a protesta remataría afogada case que por rutina e aburrimento. Pero a cuestión segue viva e nos contrarios á política lingüística do PP non agroma o desánimo. Os últimos días serven de proba.
O horizonte non é precisamente o que agardaban dende o Goberno galego, por moito que nestes días o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presuma de centros plurilingües, ou sexa, aqueles onde o galego vai ficar nun pobre 33%, iso no mellor dos casos, que xa se sabe que a realidade en moitas aulas, especialmente nas privadas, é aínda peor. Incluso di Vázquez que o cambio de libros transcorre con normalidade, quizais porque no ten por costume escoitar as polémicas existentes. Pero por diante queda moita madeira que cortar. Por exemplo, no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).Xa foi admitido a trámite o recurso da Mesa contra o decreto, o que dá a entender que con toda posibilidade tamén irán adiante os da Real Academia e os sindicatos do ensino. En San Caetano xa se comeza a temer unha sentenza que faga cambiar importantes aspectos dunha das súas medidas estrela, o que en termos políticos suporía un golpe moi importante para o gabinete de Feijóo, que non só quedaría en evidencia para os defensores do galego senón que a partir dese momento seguramente atoparía unha forte oposición dende organizacións da banda contraria, tipo Galicia Bilingüe, agora en calma tensa con moito de pose.
Mais non só dende o territorio que administra a Xunta chegan noticias favorables ao futuro do idioma. No Bierzo, a asociación Fala Ceibe vén de solicitar que a reforma da Lei da Comarca na que traballan as Cortes de Castela e León defina o galego como “lingua propia do Bierzo occidental”. Será complicado que esa solicitude prospere, pero o mero feito da petición reflicte unha sociedade viva, como se proba neses rapaces que estudan galego de forma optativa no territorio veciño.
Realizou Fala Ceibe a súa ambiciosa proposta na mesma semana na que varios centos de persoas volveron homenaxear a memoria de Alexandre Bóveda e, con ela, a presenza viva de históricos galeguistas como Pousa Antelo ou Díaz Pardo, moi maiores pero lúcidos eles durante o acto en Pontevedra. E rodeados de xente moza, alí onde resulta evidente que está o futuro da lingua. Pasa polas aulas.
Nos centros do país o galego afronta un ano difícil dentro duns días, cando comece o primeiro curso do decreto. En Educación Infantil, os ámbitos urbanos verán a práctica desaparición do galego. Contra iso, no que non deixa de ser unha novidade, están a traballar moitas persoas, non só dende a mobilización senón tamén dende a alternativa no propio ensino. Como adiantaba Xornal, a iniciativa Galiza co Galego xa conta cos apoios necesarios para poñer en marcha no exercicio 2011/2012 unha rede de galescolas privadas. Os respaldos son masivos, se ben tamén existen voces que consideran que o futuro da lingua pasa polo ensino público e que pasar á iniciativa privada pode xerar un perigoso precedente. Pero por vez primeira a sociedade civil dá un paso deste tipo en Galicia, sen dúbida unha sensacional noticia, cos matices que se queiran, que non agochan que o relevante é que haxa nenos que poidan ser educados en galego, rompendo así o que moitos consideran unha política “prohibicionista” como a de Feijóo.
E precisamente a Xunta ten por diante unha encrucillada. Moitos profesores pensan manter o galego nas súas aulas malia que as súas materias teñen que ser en castelán por decreto. Será capaz o Goberno de expedientalos ? Nese caso, o seguro é que a protesta sería enorme. Seguiría a selo, mellor dito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario