Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
martes, 24 de agosto de 2010
O falso discurso da utilidade lingüística
por Iria Taibo, en Terra e Tempo:
Desde hai uns meses estamos a asistir á introdución na nosa sociedade do debate sobre a utilidade das linguas, máis concretamente sobre a hipotética utilidade da lingua galega. Precisamente ese punto do comezo do debate é o máis interesante, pois non todas as linguas nos dan tanto que pensar. Menos aínda neses termos tan próximos á negación do que nos é máis propio. E aínda menos cando falamos das linguas que nos rodean.
Acompáñase esta falsa idea do tópico da complicación extra que supón o galego. Non polos atrancos que supón para o galego falante esa elección, senón por unha suposta dificultade de ensinanza e aprendizaxe da (e na) nosa lingua, á que se engaden os cambios normativos que, por algún motivo, teñen a capacidade de multiplicárense no imaxinario colectivo desa masa social que procura excusas variadas e moi reveladoras para rexeitar o galego de diversas maneiras. Esta multiplicación normativa irreal (por exemplo, non é verdade que todas as palabras que agora en galego oficial se escriban con "b" hai 10 anos se escribisen con "v") resulta especialmente interesante, pois parece servir moi ben a un conxunto de prexuízos que se moven con moita comodidade a medio camiño entre as ideas sobre a falta de utilidade da lingua galega e a súa escasa entidade como lingua "relevante". Se entrarmos no feo terreo da comparación, a Real Academia da Lingua Española mesmo ten na rede un exitoso Dicionario Panhispánico de Dúbidas. E eu non coñezo ningunha persoa que teña renunciado a usar o castelán por ter dúbidas co seu vocabulario. Tampouco pola aparición de novas palabras no diccionario da RAE (na última actualización do diccionario, de na rede, de 29 de xullo deste mesmo ano inclúese por exemplo a palabra "festivalero"). É posíbel que valoremos positivamente a capacidade de adaptación e mellora constante que estas mudanzas permiten. Seguramente isto non nos afecta negativamente nas nosas eleccións porque a verdadeira razón para escoller unha lingua ou abandonar outra non ten nada que ver cos coñecementos filolóxicos (este é tema para outro artigo que podería ter como título: "A lingua galega: todos somos filólogos" ou "Máis filólogos que falantes").
Por outra banda, e retornando á cuestión da utilidade en si mesma, é xusto falarmos de utilidade en relación coas linguas? Debemos entón levarmos ese pragmatismo ao extremo e pasármonos ao esperanto ou a un inglés ou chinés universal? Sería iso posíbel? E desexábel? Posíbel non sei se será, mais levaría un tempiño e seguramente máis dunha xeración conseguir un nivel aceptábel en calquera na lingua elixida, só con pensarmos no noso exemplo: canto tempo e esforzo nos custa dominar unha lingua allea como para sermos capaces de falar unhas frases básicas cando saímos a un país estranxeiro? Ese esforzo é proporcionado, compensa o beneficio de eliminarmos as dificultades para entender outras linguas e as barreiras que pon a necesidade de combinarmos usos para linguas cooficiais?
Por outra banda, calquera falante nativo do inglés seguramente amará a súa lingua, é posíbel que lle guste coñecer as diferentes variantes dialectais que ten, poder descubrir o seu amplo vocabulario, entenderse con xente doutros territorios grazas a ese patrimonio cultural e mil cousas máis. E todos o entenderemos. Mais por algún motivo hai quen pensa que é menos lexítimo que un falante dunha lingua máis pequena cuantitativamente sinta un orgullo semellante por ela. Parécenos máis exótico, máis "riquiño", mais non especialmente digno de orgullo. A respecto do galego pensamos que é normal que renunciemos á nosa lingua para facer máis fácil a vida de outros. Pode ser unha lingua bonita, si, mais non o é tanto se temos un sotaque menos urbano ou neutro e dependendo de con quen falemos preferiremos outra lingua diferente. Sen dedicar moito tempo a meditar o por que da nosa elección.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Cara escritora, duas apostilas:
ResponderEliminar1.- A RAE é RAE, Real Academia Española. E não Academia de la lengua...
2.- A língua, qualquer, é instrumento de comunicação: instrumento (útil) de comunicação (entre integrantes duma Comunidade). Se a língua, qualquer, deixa de ser instrumento (útil), pouco e pouco a comunicação nessa língua desaparecerá, porque os seus utentes ou usuários procurarão outro instrmento mais útil, mais eficaz; procurarão outra língua. E, se há "senhores poderosos" que lhe-la fornecem "grátis", cara, esses utentes da língua não útil com toda a certeza a abandonarão a favor da útil.
Mas, para uma língua ser instrumento útil, deve à partida ser considerada assim, útil, pelos seus utentes, sobretudo pelos usuários notáveis, não precisamente pelo povo...
Por que este blogue não tem ligação à ACADEMIA GALEGA DA LÍNGUA PORTUGUESA?
ResponderEliminar