Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 27 de agosto de 2010

Arxibai contra *Argibay

O ILG (Instituto da Lingua Galega) creou, xa hai algún tempo, unha ferramenta atractiva, educativa, coa que calquera pode pasar uns minutos e, simplemente xogando con ela, pode obter informacións e curiosidades para comentalos cos amigos e familiares. Trátase da Cartografía dos apelidos de Galicia. Ti escribes na aplicación un apelido e o programa indícache o número de persoas en Galicia que o teñen, incluso poderás ver a distribución por concellos.
Eu mesmo fixen a proba escribindo alí o meu primeiro apelido: Arxibai. A resposta do programa foi moi curiosa, eu era o único Arxibai de toda Galicia. Como era posible tratándose dun apelido galego?
 Xa estaba cheirando a resposta, mais para confirmala volvín a escribir o meu apleido, pero desta vez na súa versión deturpada: *Argibay. Agora o resultado foi de 2074 persoas.
No ano 1999 promulgouse a lei que permitía restaurar a forma orixinaria dos apelidos galegos. Eis aquí o resultado de aplicación desa lei: 2704 nun acastrapamento español, 1 en galego de seu. Pasa o mesmo coa normalización lingüística; nos últimos 30 anos promulgáronse leis, ordes e decretos pero sen implicación política algunha, polo que os resultados foron sempre de redución de uso do galego. Pensemos neste caso, apróbase unha lei que permite restaurar os apelidos deturpados, porén non se realiza ningunha campaña para que se faga efectiva. A clase política, que ten unha función educativa importantísima, e conscuentemente unha alta responsabilidade,  segue a apelidarse *Rajoy, *Feijóo, *Villarino, *Nogueras, *Cajide, *de la Puente... Se públicamente, así como van aos puntos de doazón de sangue, se achegaran ao rexistro civil e deran exemplo de compromiso coa normalización onomástica, non sería certo que a situación actual non sería moi outra?... E se acompañando á lei houbese unha campaña administrativa..., e así como nos chegan á casa da man dos fillos de 3 anos, enquisas fraudulentas sobre preferencias de uso da lingua vehicular no ensino, nos chegaran cartas informativas sobre cal é o noso apelido sen deturpar, as razóns polas que debemos contribuir á súa restauración e un formulario para asinar e levar ao xulgado máis próximo para que, sen máis trámites, por fin figurásemos como cidadáns galegos de primeira e non como unha casta avergoñada de ser quen somos.
Pois si. Eu hai dez anos restaurei o meu apelido, no entanto o Ministerio do Interior está empeñado en volver a mo deturpar. Foi pola renovación do carnet de conducir. Fun a un centro médico a facer o psicotécnico, na sá de espera coincidín cun señor que superaba os 80 anos e que ben alto, para quen o quixera oir, e tamén para os que non queríamos,  botaba pestes contra Zapatero ao tempo que gababa os méritos de Franco. Estaba alí para renovar o permiso de armas, a cousa non comenzaba ben. Non tiven problemas co psicotécnico, pero como todos os mínimamente comprometidos co galego, xa ando polo mundo algo avisado, polo que revisei con coidado a solicitude de renovación e, efectivamente, tiña razón nas miñas sospeitas. Na solicitude figuraba un rotundo *Argibay, polo que inmediatamente pedín que me refixeran o documento co meu verdadeiro apelido e, iluso de min!, marchei para a casa confiado.
Acaba de chegarme, vía correo ordinario, o novo carnet de conducir. Mais, adiviñade!, ven a nome dun tal *Argibay. Estou seguro de que os 2074 *Argibays nunca se verán nunha situación análoga, a eles non lles vai chegar un carnet co seu apelido restaurado na súa forma galega e orixinaria: Arxibai. Como di Carlos Callón: en castellano no hay problema. E se un se pregunta a razón de por que as cousas son así, só pode obter como resposta que a política lingüística non é outra cousa que un continuo ataque ao máis débil, ao galego. Iso sí, ataque contínue e atroz pero coa máscara de defensa e respecto.
Ou non é así, señor Anxo *Lorenzo?

2 comentarios:

  1. Isabel Rei Sanmartim28 de agosto de 2010, 15:13

    Como já todo o mundo sabe, menos o autor deste artigo, a forma patrimonial, original e mais antiga deste apelido deve, com certeza, conter a letra G: Argibay ou Argibai.

    Também é conhecida a alternância i/y nos textos antigos e modernos.

    Mas em nenhum caso "arXibai" é patrimonial, original nem antigo. É, sim, uma moderna caralhada ILG-RAG como tantas outras.

    Também é bom ter em conta que o registo por escrito dos apelidos da gente do povo é cousa de fins do século XVIII e, sobretudo, do século XIX, com a elaboração dos primeiros censos e registos civis.

    http://es.wikipedia.org/wiki/Censo_de_Floridablanca

    http://es.wikipedia.org/wiki/Registro_Civil_%28Espa%C3%B1a%29


    Melhor faria o autor deste artigo buscando outros exemplos mais claros de castelhanização dos apelidos (palavras) galegos (galegas), que isso sim que aconteceu maciçamente, como OTERO, ORJALES, RIVADULLA, VIÑAS ou MARTINEZ, por deixar alguns exemplos.

    O apelido Argibay está perfeito com esse sabor antigo que lhe dá o "y", ainda que se quiser atualizá-lo ao século XXI bem poderia ser Argibai.

    O Galego não é débil, é a sexta língua mais falada do mundo.

    Somos os galegos os fracos. Ou mais bem, os enfraquecidos...

    ResponderEliminar
  2. Eu non escollín o meu apelido. Non me chamo Cibrán Otero senón Cibrán Arxibai.
    Ben, xa que ti es Rei vexo que permites que eu sexa polo menos Argibai. Imos poñéndonos de acordo.
    No do "g" non dubido de que teñas razón. Mais eu pretendo que todos os que lean o meu apelido, lean "Arxibai" e non "Arghibai", e polo momento non che sei como conseguilo doutro xeito. O "x" non é por razóns filolóxicas, é por razóns sociais.
    Grazas polas aclaracións.

    ResponderEliminar