Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de agosto de 2010

A Xunta ‘interésase’ pola normalización lingüística

Este artigo gustaríame telo escrito eu porque fala das últimas novidades da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Hai algo escuro en todo isto, a SXPL anuncia a todo correr todos os actos e subvención que realiza, no entanto os organismos subvencionados ou que se entrevistan con Anxo Lorenzo, esconden a noticia. Xa pasou con outros organismos como a AELG, agora coa CTNL, será por vergonza?
Por Cris Moss, no Xornal de Galicia:

A Xunta de Galicia fixo pública onte a sinatura dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) que ten por obxectivo a promoción do galego a través de actividades formativas.
Sabido por todos é o feito de que a Coordinadora foi un dos organismos máis críticos co Decreto do Galego –que regula o uso da lingua no ensino non universitario– creado da man do secretario xeral, Anxo Lorenzo, e auspiciado polo Goberno do popular Alberto Núñez Feijóo.
Quererá a Administración autonómica e, máis en particular, Anxo Lorenzo mellorar a súa imaxe perante os defensores do idioma propio de Galicia? Quen sabe. Polo menos de momento colaborarán coa CTNL con case 14.000 euros que irán destinados á “formación en normalización lingüística”.
Estes acordos puntuais de patrocinio de cursos e blogs a prol do galego son unha boa noticia. Porén, semella que moito ten que cambiar o xeito de tratar e entender a política lingüística nos despachos de San Caetano para que a Coordinadora de Traballadores deixe de ser crítica coas súas decisións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario