Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 25 de agosto de 2010

Pensando xa na volta ao cole

por Xosé Ramón López Boullón, no Galicia Hoxe:

Este agosto crisián, de crise, para todo cristián, agnóstico ou crente, resulta desconcertante. Santiago está ateigado de xente. Non parece agosto. Non, desde logo, aqueles agostos do ensanche deserto que enchían de novo os estudantes cando volvían para examinarse en setembro. Tampouco parece que haxa crise. Na capital véndense cinco mil tartas de Santiago diarias.
A hostalaría, en xeral, non se pode queixar. A oferta hoteleira aumentou e bares e outros lugares enchen os seus locais, as súas terrazas. Tamén aumentaron os itinerarios e os espazos de consumo.
Antes podías ir de viños, de cortos ou de cañas, a tomar o vermú, as copas na noite nova da zona vella ou nos pubs da zona nova. Agora tamén podes ir de xardíns. Outra marabillosa oportunidade que ofrece Compostela. Unha nova alternativa.
Pódese escoller entre o xardín de pedra das súas rúas ou entrar nun local con patio ou xardín interior que nos permite gozar das hortas dunhas casas privilexiadas, duns currunchos de fontes e verdor, pracenteiros lugares, locus amoenus, da cidade.
Tras a calor canicular, orballea e os plásticos de cores cobren os corpos dos turistas. Con eses chuvasqueiros anuncian a proximidade de setembro, da volta ao cole. E esta frase ponme o medo no corpo.
Moitos pais xa andan a voltas co material escolar e non paran de gastar con todo o que supón, como cada ano, a famosa volta ao cole.
E este ano amais supón volver ás aulas das escolas-balneario do plurilingüismo, nas que o galego, cotiza á baixa nese pluri dun plurilingüismo que lles dificulta ás familias galegofalantes que os seus fillos/as poidan ter ensino en galego e que lles impide aos nenos e as nenas de familias castelánfalantes adquiriren competencias en galego. E ademais cos libros de mates en castelán, como terapia rexenerativa e antiestrés, para que non se afagan a tanto galego, máis nunha materia como esta na que aprenden tantas cousas e que os/as axuda a descubriren o mundo.
Non vaia ser que con tanto galego os rapaces e as rapazas se fagan galeguistas de máis, ou sexa, nacionalistas, que por aí é por onde veñen todos os males deste país. O corpo e a mente dos/das aprendentes agradeceranlle este interesado esforzo político ao Goberno galego.
E con esta discriminación no repertorio lingüístico curricular, como se poden adestrar as capacidades lingüísticas dos individuos e como se favorece a interacción das competencias das súas diferentes linguas?
E, como se poden mellorar as competencias noutras linguas da contorna ou de fóra da contorna ou sensibilizar os/as aprendentes na diversidade cultural e lingüística?
Agosto está en crise, para todo cristián e eu sigo crendo no que creo e sigo crendo que así non imos a ningures. Tampouco, coa cacarexada suba de impostos aos ricos que non chegará en setembro, coa volta ao cole.
Ao cole deberían volver algúns políticos para adquirir competencias básicas no máis básico e non tomarnos o pelo coa crise, coa lingua e coas cousas de comer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario