Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de agosto de 2010

Deteñan o disxuntivo, por favor

por Anxo Tarrío Varela, profesor na USC, no Galicia Hoxe:

A Xosé Luís de Dios, in memoriam
Cousa sabida: as linguas transfórmanse no tempo debido a moitas causas, entre as que contan a evolución dos espazos xeopolíticos, os préstamos, os avances tecnolóxicos, científicos, artísticos, etc., as creacións populares de palabras (touporroutou, miñaxoia), a non menos creativa e vital fraseoloxía, da que tanto sabe Xesús Ferro Ruibal, que nunca está na verza neste tema, ou (fíxense ben: ou, non e, por se tratar dunha enumeración aberta) o uso incorrecto que delas facemos os falantes, sobre todo os analfabetos, que, ao non teren a imaxe visual da forma escrita que lles sirva de pauta correctiva, producen continuas deformacións das formas cultas. De feito, agora estariamos a falar de xeito moi diferente se os pobos que empezaron no seu tempo a asumir a lingua do Imperio romano soubesen ler.

O que fan os gramáticos e os académicos é ir detrás das transformacións para rexistrar e constatar o momento en que se xeneralizan e pasan a formar parte do sistema lingüístico social, deixando o uso "correcto" na condición de arcaísmo ou "en desuso".
Por iso, cando os/as de Galicia bilingüe queren adobar unhas castañas cocidas din, na única lingua que saben falar, "pues nosotros te le echamos unas ramitas de fiuncho", sen saber que esta é unha palabra netamente galega, equivalente ao correcto castelán hinojo, procedentes ambas as dúas formas dun latín "fenuculum" sometido a mil torturas na boca dos falantes. E cando alguén desa formación política sente os síntomas típicos dunha gripe, dirá no seu inopinado castelán: "Creo que estoy chocando una gripe", con outra palabra netamente galega que vale polo correcto castelán incubando, pois chocar chocan as galiñas galegas que están chocas, é dicir, en bo castelán, cluecas, e ambas as dúas palabras proceden do verbo latino "clocare". Se está en Francia dirá que está constipé e sairá da farmacia cunhas pílulas para alixeirar a tripa.
Polo mesmo, cando os de GB "se hacen los suecos" ao lles dicirmos que a lingua propia de Galicia é o galego, non pensen que emparentan con europeos do Norte e de "idioma branco", senón cos toros (nada que ver coas vacas) de madeira que en latín eran "soccus", de onde saen tamén o zoco galego "y el zueco castellano". Como se ve, case todo é latín enxebre guisado ao longo do tempo.
Cousa diferente é cando o erro de fala que se detecta procede dun vicio, ignorancia ou impericia estilística dun profesional que ten na lingua o instrumento básico do seu oficio, verbi gratia o xornalismo na súa acepción máis ampla. Neste terreo, está a emerxer unha aberración que non se debería deixar pasar, cal é a de rematar unha relación ou enumeración completa, non aberta, coa conxunción disxuntiva ou no canto da copulativa e. Até o de agora, só rexistrara eu este disparate na letra impresa, onde atopei cada vez máis e máis exemplos de imposíbel disimulo, pero comeza a expandirse tamén cara aos guións da radio e da televisión, pois nestes medios rompeume tamén os oídos estes días pasados a errática construción.
Imaxinen exemplos como: "Onte, para realce dos actos xacobeos, estiveron en Santiago as autoridades políticas, eclesiásticas ou académicas das catro provincias do noso país: A Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra". E cousas así, ¡raios e centellas: déixense de disxuntivas, copulen como debe ser e lean máis!

Ningún comentario:

Publicar un comentario