Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 1 de agosto de 2010

Síntomas

Parémonos a pensar nalgúns dos síntomas da saúde do galego que andan estes días pola arañeira de internet e polos medios en xeral.
No ensino non universitario, o ámbito máis galeguizado de todos os da nosa sociedade, o uso do galego non chega en ningún caso ao 40% segundo se pode ver no informe coordinado por Bieito Silvia para o CCG.
No ensino universitario, a USC é a que máis usa a lingua galega, e moi destacada a respecto das outras dúas cun 27%.
A tenda de Ikea que acaba de abrir na Coruña ten toda a súa rotulación exclusivamente en castelán. Ademais non ten previsto modificar esta situación. A única ferramenta que prevé galeguizar a corporación é o seu catálogo para o 2011, porén se chamamos ao seu teléfono teremos a posibilidade de que nos atendan en castelán, catalán, éuscaro e inglés, pero non en lingua galega.
A pesar do gran incremento de edición de títulos nos últimos anos, segundo o informe "O capital galego", da Fundación Caixa Galicia, en Galicia editamos máis títulos noutras linguas que en galego. No ano 1994, das 1.378 referencias que produciu a edición en Galicia, o 55% eran en galego. Dende aquel ano, a edición na lingua do país foi en ascenso até conseguir picos do 64% en 1997 e de 62% en 2002. Isto a respecto da edición, se pensamos nas cifras de vendas xa teríamos que comenzar a dubidar se aquí realmente se promociona a cultura en galego.
No ámbito xudicial a proporción galego/castelán non é mellor: 3,5%/94,5%. Contábamolo hai algúns días.
En Cataluña os grupos que defenden o catalán fixeron un informe queixándose de que o número de proxeccións nesa lingua non chegará este ano ao 3%.Cando imos ao cine, mercamos algunha película. Cantas hai en galego? Aproximadamente o 0%.

Cal é o remedio que lle imos poñer a todo isto? Pois polo momento, reducir a presenza do galego no ensino non universitario mediante o decreto chamado de plurilingüismo.
E así nos vai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario