Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 31 de xullo de 2010

Novos valores

O primeiro, darlle as grazas a Iván Méndez López, quen non só e o autor dalgúns dos mellores artigos que puxen por este blogue (recomendo ir á etiqueta co seu nome e volver a lelos), senón que foi el quen divulgou por medio do Scribd o prego de prescripcións de prescricións técnicas para a contratación dunha campaña para propagandística do funesto decreto chamado de plurilingüismo. Poucos haberá que teñan como lectura cousas como o prego, mais como eu son moi aburrido,  por coherencia leo cousas aburridas. Non llo recomendo a ninguén, pero leín as seis páxinas do prego, e ademais do que xa comentei noutro post a respecto do disparate co que comenza o documento indicando que o castelán é lingua propia de Galicia, vou  tratar sobre un par de cousiñas que me chamaron a atención.
O que se vai publicitar nos vindeiros meses de setembro e outubro vai ser o decreto, no entanto, tal e como xa dixen en moitos outros lugares, un decreto destas características ten que vir da man do engano, a mentira e a trampa. Se repasamos a historia de todo o proceso veremos que foi sempre así, e así será. Neste capítulo vemos como o prego de condicións ten data de 16 de abril, máis dun mes antes de ser aprobado o decreto, polo que non ten máis remedio que facer referencia ao que había daquela, o Borrador do proxecto de decreto. Ábrese así un proceso para publicitar ... un Borrador, que posteriormente foi modificado. Despois Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez presentarán unha campaña sobre o decreto, cando realmente é sobre o Borrador do mesmo:

En marzo de 2010, a Xunta de Galicia presenta un novo Borrador do proxecto de Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario. As principais características do novo decreto son o equilibrio entre as dúas linguas oficiais de Galicia e o impulso ao aprendizaxe dunha lingua estranxeira, para lograr un plurilingüismo real na nosa Comunidade Autónoma. [...]
a Secretaría Xeral de Medios convoca un concurso público para facer unha campaña informativa e de publicidade con ámbito na Comunidade Autónoma de Galicia coa intención de recibir propostas creativas, de planificación de medios e de accións especiais que fagan máis sinxela a comprensión dos novos valores na ensinanza non universitaria de Galicia.

Vai un segundo comentario. Eu, por mor da inmersión lingüística en español, case non recibín formación de lingua galega. Sei que meto a zoca cada pouco, pero intento corrixir esta falta de coñecementos co fin de empregar unha lingua cun mínimo de calidade. Porén os que desde a administración teñen a potestade de dictar normas e establecer procedementos para gastar os nosos cartos, fan da nosa lingua unha trapallada. Non sucede o mesmo co castelán. Un mínimo desvío da norma da RAE provoca case un tsunami. Deixo aquí un retallo do documento, e que ninguén pense que está recollido con mala idea, todo el está cheo de disparates deste estilo. Son os novos valores.

Deseño e impresión de a lo menos un modelo de valla 3x8 metros e unha traseira integral para autobuses urbanos, cada unha delas en galego e castelán.
 Deseño e producción de a lo menos un banner para sitios web en galego e castelán. Presentaranse os deseños en formato vídeo e tamaño robapáxinas (300x300).
 Deseño de a lo menos un orixinal para prensa e revistas en formato páxina color e media páxina color.
Prego de cláusulas administrativas para facer propaganda co novo decreto. Castelán lingua propia de Galiza

Ningún comentario:

Publicar un comentario