Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 21 de xullo de 2010

Os fillos da imposición

Nunca me vira neste caso, dous artigos da mesma autora consecutivos.Esta muller non para.
por Pilar García Negro, política e sociolingüista, no Xornal de Galicia:

¿Cantos miles de páxinas non se poderían escreber a propósito da represión do idioma galego na Galiza e das súas consecuencias psicosociais? ¿Cómo é que non existe unha rama ben grosa da psicoloxía e/ou da psiquiatría, por suposto da socioloxía, que teña investigado debidamente todo o cúmulo de trastornos e quebrantos que a ocultación-censura-disimulación do proprio idioma conlevou? Reparen nun dato elocuente: a mesma falta de fontes, a escaseza de testemuños directos (algúns deles ben serodios) fálannos, sintomaticamente, da profundidade e intensidade da subordinación: nen se verbaliza o que se dá por “natural”: o abaixamento, a prostración do idioma de un, prohibida a súa existencia fóra do circuíto doméstico-familiar-aldeán, indigno de aparecer en público. É de libro recordarmos que a auto-represión non é máis que o degrau extrem(os)o, violentamente profundo, dunha situación de dominio grandísimo, cuxo triunfo maior consiste precisamente en conseguir que as vítimas asuman como normal, habitual e xustificado a represión que sobre elas se cerra.
É precisamente a ruptura deste círculo diabólico de represión-autorrepresión, onde os “culpábeis” acaban por se converteren en capataces-denunciantes dos seus pares, é precisamente a ruptura deste circuíto o que desvenda a desmesura e o racismo do esmagamento do idioma proprio. Para que alguén, por vez primeira, fale de cómo o español lle foi imposto duramente, precísase que outro “alguén” o poña frente a frente do galego, da lingua sepultada e penalizada. Se non é así, se o galego non tivese iniciado historicamente o camiño da súa recuperación social e pública, as vítimas nen existirían: naufragarían nunha historia de vaporización e de ocultamento, ou ben, os elementos triunfadores afanaríanse en esquecer o que tanto dano lles causou, para imitaren ou para se identificaren canto antes co grupo dominante: nada de galego, eu estou homologado na “civilización”: tan español como o que máis!, como no groseiro chiste racista da miña infancia, do estudante negro a quen lle perguntan que rama vai escoller e el responde, airado: “Nada de rama, yo, pupitre como todo el mundo!”.
Ora, de humanos é rectificar a historia e, por suposto, asumila para superala ou, pola contra, para utilizala de coartada da adhesión ao elemento dominante. Hai moitos anos, en conversa informal, un conselleiro dun dos gobernos Fraga, espetoume: “¡Que saberás ti de padecer polo galego, cando eu, de neno, moito sofrín por non saber se “jugo” era “gugo”, “jujo”, “gujo” ou que raios era!” “Claro, así quedaches!”, respondinlle eu coa mesma vehemencia. En entrevista recente en Xornal de Galicia, Rosendo Fernández, candidato do PP á alcaldía de Ourense, recordaba como aos seus once anos se burlaban del, no traslado de Salvaterra a Vigo, por só saber galego, e como o chamaban aldeán por non saber castelán. Tal aberración –común a todos os galego-falantes– non lle vale para se rebelar contra ela e se alegrar de que, por fin, o galego, o seu galego, levantase a cabeza, senón para reclamar que non lle “impoñan” o galego. Laus Deo! ¿Cómo é que non exportan o argumento e van a Madrid queixárense da imposición do español? Unha colega, profesora da UDC, algo máis nova ca min, recorda hoxe como procedeu a enterrar o galego após a burla inmisericorde da profesora de inglés do Instituto (ano 1968), cando ela cometeu o “incríbel” pecado de, nunha tradución inglés-español, dicer “estes” en lugar de “estos”. Só que, andando o tempo, tivo a ocasión de desenterrar o represivamente ocultado e volvelo practicar normalmente. Feito semellante ao que nos contaba nesta páxina recentemente Manuel Menor, falando de algo que eu, obviamente, non coñecín en persoa (a contundente represión do galego nos Seminarios Diocesanos), mais si a través do testemuño de exseminaristas, algúns da miña familia: un meu curmán, un ano máis novo ca min, aínda me lembraba hai pouco como a súa nota de “Comportamento” era sistematicamente menos vinte (vinte baixo cero) polo pecado maior: falar galego con compañeiros de estudos.
Todos, por activa ou por pasiva (as e os que tivemos o castelán como primeira lingua fomos privados do galego colectivo), somos “fillos” da imposición do español. O caso é decatarse e curarse. A negritude, mutatis mutandis, non se elimina branqueando o rosto, senón asumíndoa como igual á brancura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario