Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 15 de xullo de 2010
Fomento contra normalización
Hai algúns días a SXPL anunciaba que o Conselleiro de Educación asinara un convenio con Telefónica segundo o que a compañía de telecomunicacións se comprometía a fomentar que os móbiles dispoñan da opción do menú en galego.
Para os pouco avisados, Tefónica fomentará que os móbiles tamén se poidan usar en galego, non garantirá esa posibilidade. Ademais, se temos en conta que no anuncio da SXPL xa informan que na actualidade, Telefónica xa oferta máis de 100 móbiles con estas características, xa sobran todos os fomentos, entón un pregúntase: para que o convenio?
Seguimos lendo, pode ser que haxa outros puntos que si sexan interesantes para o conxunto da sociedade. Segundo o convenio daráselles a posibilidade aos clientes de facer calquera comunicación coa compañía, oral ou escrita, en galego, garantindo que exerzan así o seu dereito a ser atendidos en calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma.
Explico outra vez. O de podermos ser atendidos en calquera das linguas oficiais significará que nos atenderán en galego, porque en castellano no hay problema. A pregunta agora áinda está máis clara. Se é un dereito ser atendido en galego, que facía ata agora Telefónica? Polo que di a propia páxina da SXPL, incumprir co deber de atendernos en galego.
O máis significativo do caso é que un acordo como o anterior nunca podería darse con compañías que non teñan proscrito o galego. Pensemos en R, fan publicidade en galego, facturas en galego, atención en galego, e polo tanto non pode ser unha compañía que faga convenios coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os cartos da normalización irán, como sempre, a aqueles que non normalizan.
Aquí temos un capítulo máis de cal é a política lingüística da secretaría xeral.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario