Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 14 de xullo de 2010

'Traducir unha verba tan nosa como grelo soaría moi raro'

Entrevista na Nosa Terra a Carmela Valiño, unha das socias fundadoras da Cooperativa Milhulloa. Esta cooperativa, situada nunha finca de 10 hectáreas en Palas de Rei, esta empresa adícase dende o ano 2001 á produción de infusións, oleatos de uso tópico, especias e ao desecado de plantas e hortalizas. De feito un dos seus produtos máis coñecidos son os seus grelos desecados. Esta firma adscrita ao Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) tamén dirixe cursos de cosmética natural e de propagación de plantas medicinais.
Dende cando etiquetan en galego?
Dende a fundación da cooperativa, no ano 2001.
Por que decidiron facer así a etiquetaxe dos seus produtos?
Todos os socios da cooperativa somos galegofalantes e consideramos que o galego forma parte da nosa cultura e é na lingua na que mellor nos expresamos. Foi algo que xurdiu de forma natural, sen ningún tipo de debate ou reflexión.
Tiveron algún tipo de contratempo á hora da comercialización?
Non. A maioría dos nosos produtos, sobre todo as infusións, aceites de uso tópico para doenzas, e especias vendémolos no mercado galego, e iso non tivo ningunha complicación. Para un dos nosos produtos estrela, que son os grelos desecados que vendemos dentro e fóra de Galiza, temos o envase en bilingüe para que todos os consumidores teñan toda a información de primeira man.
Ten vantaxes a venda do produto en galego?
O lóxico é que un produto que é galego ao cento por cento, como o noso, estea etiquetado en galego. Sabemos que moitos dos nosos consumidores de grelos de fóra de Galiza que son galegos agradecen que etiquetemos en galego por unha cuestión sentimental. Para outros consumidores a etiqueta redactada en galego sérvelles para diferenciar o produto e recoñecelo con máis facilidade.
Recomendaría a outros empresarios a dar este paso?
Si. É unha maneira de non perder a nosa lingua e a nosa cultura. Persoalmente pareceríame moi triste que se chegara a perder o galego, que ten unha gran riqueza... Traducir unha verba tan nosa, como grelo, por exemplo soaría moi raro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario