Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 23 de xullo de 2010

Recursos contra o decreto

Vanesa Oliveira asina un artigo no Galicia Hoxe nos mesmos termos que un post que teño máis abaixo con data do pasado día 20.
A Real Academia Galega (RAG) aínda non recibiu o aval dos seus avogados para presentar un recurso contra o decreto do plurilingüismo. Así o confirmou onte a este xornal o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, que é consciente de que o traballo do seu equipo xurídico é a contrarreloxo xa que só faltan catro días -remata o 25 aínda que por ser festivo se traslada ao luns- para que conclúa o prazo para interpor esta impugnación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
"Cando o decidamos, faremos unha comparecencia pública", asegura Méndez Ferrín, segundo o cal, a RAG non convocará ningún pleno xa que a comisión executiva foi facultada polos académicos para decidir se levar adiante "ou non"-remarca o presidente da institución- un recurso sobre o decreto.
Con todo, a Academia é case a única que aínda non presentou este recurso. Xa o fixeron, días despois de que a Xunta aprobase o decreto, a Mesa pola Normalización (e a Plataforma Queremos Galego), a CIG-Ensino mais FETE-UXT. Pero ademais, están a ultimar as xestións administrativas necesarias para presentar o recurso outras asociacións como Enciga (Asociación de Profesores de Ciencias de Galicia) que agrupa 800 mestres do país. O presidente deste colectivo, Paulino Estévez, pediu onte un poder notarial que faculte a un procurador que interpoña esta impugnación ante o TSXG.
"Non hai que esquecer que o primeiro libro de texto que se editou en galego foi o de Matemáticas. Non estamos de acordo con que agora che obriguen a dar esta materia en castelán despois de tantos anos impartíndoa en galego", argumenta Estévez.
Presentar un recurso contra o decreto do plurilingüismo ante o TSXG é o primeiro paso. Unha vez admitido, o tribunal reclama o texto da demanda. Nesta segunda fase -a da elaboración do argumentario xurídico- atópanse sindicatos como a Federación de Traballadores do Ensino de Galiza. Segundo explica o secretario xeral da FETE-UXT, Marcelino Brea, o seu equipo xurídico fará pivotar a súa demanda para reclamar a ilegalidade da norma aprobada pola Xunta sobre a "opinión vinculante dos pais en Educación Infantil e o uso indiscriminado do idioma por parte dos alumnos". Trátase de dúas das dezaoito emendas que este sindicato lle enviou á Consellería de Educación logo de coñecer as bases do decreto que entrará en vigor este curso académico. "A participación dos pais e nais no proxecto lingüístico non pode restrinxirse a unha simple pregunta que será ademais vinculante. Esta participación ten que ir na liña de respostas a cuestionarios sociolingüísticos que non poden ser vinculantes", apuntaban daquela. E outra das emendas destacaba o absurdo dos "horarios e a utilización das linguas" nas aulas. "O profesorado sabe como se deben utilizar as linguas nas distintas materias", reclamaban entón.
"O que vén demostrar isto é que malia que quixeron restrinxir o decreto a un ámbito sectorial, o problema trascende o ámbito do ensino. Os prexuízos de cada galego coa lingua non están superados", subliña Marcelino Brea.
Pola súa parte, a Mesa pola Normalización foi tamén unha das primeiras organizacións en presentar o recurso contra o decreto días despois de que a Xunta o aprobase. Segundo explica o presidente da Mesa, Carlos Callón, nos vindeiros días farán públicos os informes xurídicos cos que fundamentan a súa demanda. Aínda que non quixo adiantar polo miúdo as bases do seu argumentario, Callón destaca que contan co apoio das tres universidades galegas que "critican con contundencia o decreto".
Tamén a CIG-Ensino está a elaborar a argumentación da súa demanda. Ao ver do seu secretario nacional, Anxo Louzao, o fundamental é que "estamos ante un decreto que vulnera preceptos legais como o Estatuto, a Constitución ou a Lei de Normalización Lingüística. Está claro que con esta norma, os nenos en Educación Infantil van formarse sen ter contacto co noso idioma. Ademais, o decreto é impracticable se queremos aplicar a Lei de Normalización xa que o suposto equilibrio entre galego e castelán non supón avances na normalización da lingua propia", apunta e reclama a "potestade do alumnado para que poida escoller a súa lingua de comunicación" nas aulas.
Anxo Louzao: "Esta é a última carta que xogamos"
Ao ver de Louzao, "o percorrido do decreto vai ser mínimo" ante o nivel de contestación social que está a ter. "É un texto que nace morto e o que hai que facer é volvelo ineficaz, para conseguir que non se cumpra. Só falta que o profesorado máis comprometido coa lingua deixe de dar as súas clases en galego", afirma.
O secretario nacional da CIG-Ensino é consciente de que este procedemento "vai para longo". "Neste sentido" -engade- "a Administración fai un abuso de poder porque xoga coa vantaxe do tempo. Botándolle pola mínima, non teremos resposta do TSXG até dentro de dous ou tres anos". Louzao recoñece que esta "é a última carta que xogamos" sobre o decreto e agarda que haxa "mudanzas políticas" que invaliden os efectos desta polémica norma.

 Bases para declarar ilegal a norma
Existen bases para que os tribunais de xustiza declaren ilegal o decreto do plurilingüismo. Así o cren xuíces como Luís Villares que mañá presentará no Festigal ás 22:00 horas, o libro que coordina Estudos xurídicos sobre o Decreto do plurilingüismo (Laiovento) e no que participan a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira, o catedrático de Escola Universitaria de Dereito Administrativo da UDC, Carlos Amoedo ou a maxistrada Dalila Dopazo.
Xa nun encontro celebrado este ano no Consello da Cultura, Luis Villares apuntaba algunhas das bases que quebranta a norma. Unha delas é "o principio de progresividade" que establece a Lei de Normalización Lingüística (LNL), segundo a cal, os nenos teñen dereito a recibir a primeira ensinanza na súa lingua materna e as autoridades educativas arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino.
Outra base para recorrer o decreto é que incumpre o principio de igualdade das linguas ("a igualdade como medio, que é a que recoñece o decreto ao establecer o 50%-50% non supón igualdade en absoluta", remarcaba Luis Villares). Ao ver do maxistrado, a norma tampouco cumpre co principio o da "discriminación positiva" derivado da LNL, a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias mais o Plan de normalización lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario