Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 19 de xullo de 2010

Di xewnan de jî ez ê zimanê xwe winda nekim

Do blogue de Sechu Sende, recollo o vídeo que realizou a Editorial Avesta, de Istambul, para a promoción do libro deste escritor,  Made in Galiza. O título está en curdo : "Nin en soños vou perder a miña lingua"


Por se alguén non entende o curdo, que hai de todo, vai a tradución ao galego:
Eu só teño cinco anos e sei que aínda non comprendo moitas cousas. Umm, por exemplo, non comprendo por que temos dedos nos pés ou por que eu escribo coa man esquerda.
Sei algunhas cousas. Gústame darlles voltas ás cousas. Sei por exemplo que as palabras se fan dentro da boca. Algunhas nacen máis adentro, aquí, na gorxa. E moitas, na lingua. Se eu penso unha palabra, pas! nese momento aparece na lingua e só teño que movela e a palabra sae voando para afora. Aínda que non se ven. Verse só se ven cando están escritas. Cando estaba aprendendo a ler, un día pensei que gardaba na barriga todas as palabras do mundo. Despois descubrín que non, que as palabras son como os pensamentos, están e non están. É como cando dis "Teño unha idea", e a idea aparece na cabeza nese momento, como as palabras que aparecen na lingua nada mías pensalas. É así.
Resulta que hoxe non deixo de mirarme a lingua. Aaaaaaaaaaaaa. Porque estou preocupada. Porque no autobús escoitei a unha señora dicíndolle a outra algo así como que o problema máis grande é que os nenos están perdendo a lingua. Dixo iso: "Os nenos están perdendo a lingua". Que eu estaba ao seu lado e escoiteina ben. E a outra señora dixo "Ahá", con cara de preocupada.
Eu tiven que baixar do autobús na seguinte parada porque mamá me levaba da man e tiñamos que ir á carnicería. E cando chegamos á carnicería, cando collín o número na máquina, díxenlle a mamá: "Mamá, é certo que os nenos están perdendo a lingua?" E ela miroume como se lle fixese unha pregunta rara e púxose moi seria como cando me está explicando o número nove, que para min é o número máis difícil, e díxome : "Si, hai moitos nenos e nenas que están perdendo a lingua. Sobre todo nas cidades. Douscentos gramos de queixo por favor".
Así que eu collín un pouco de medo porque, claro, eu vivo nunha cidade e aínda son unha nena. E abrín a boca e, aaaaaaaaa, mirei a ver se a lingua seguía alí.
De volta no autobús, outra vez. Na radio. Despois dunha canción de non sei quen ponse a falar un señor e di algo así como o problema da perda da lingua estase estendendo por todo o país...E dixo "estendendo" como se fose unha enfermidade, como cando falan da gripe, ou como no verán cando os incendios se estenden polos montes e non poden apagalos. E eu díxenlle a mamá: "E que se pode facer para non perder a lingua?" E ela díxome "Pois falar moito"."Como de moito?", "Moito. Tes que falar seguido", dixo. Eu, cando non me vía, volvín aaaaaaaa sacar a lingua para ver se a perdera. Ufffff.
E por iso levo hoxe todo o día que non paro de darlle á lingua. Ola, ola, bos días, ola, boas tardes, fun saudando a todo o mundo pola rúa. E á veciña do terceiro no ascensor conteille que mamá mercara douscentos gramos de queixo e douscentos de chourizo e trescentos de salchichón e tres bistés de porco e, cando cheguei á casa, púxenme a cantar a canción do camarón, ron, ron e así.
E seguín cantando e falando para min e tanto falei que mamá na cea díxome "Non se fala mentres se come".
De cando en vez saco a lingua, aaaaaaaaa, e dígolle Ola, estás aí? Olaaaaaaaa. Ufff.
Eu non comprendo como se pode perder unha lingua. De verdade que non o comprendo. Como pode perder alguén a súa lingua? Parece incríbel. Aínda que se toda a xente fala diso, debe de ser certo... Eu por se acaso espero non deixar de falar nin en soños. Ha! NIN EN SOÑOS VOU PERDER EU A MIÑA LINGUA!

Ningún comentario:

Publicar un comentario