Non é un artigo de lingua e normalización, pero por unha vez que sae na prensa algo de matemáticas, non me resisto a poñelo.
por Olga Vergara Marcos en Galicia Hoxe:
Nos anos que levo como docente, observo que as matemáticas seguen a ser inimigas de moitos alumnos. Canto máis avanza o nivel de dificultade das mesmas, maior é o nivel de desgana e desmotivación cara a elas.
É mester espertar nos nenos o gusto polas matemáticas dende idades temperás. Para isto, teñen que ser ensinadas dende unha perspectiva lúdica, funcional, manipulativa e activa. As matemáticas son unha área fundamental xa que, debido ao seu carácter instrumental, son a base para a adquisición doutras moitas aprendizaxes. Así mesmo, son de grande aplicación no noso día a día, e a súa comprensión axúdanos a resolver múltiples problemas reais que se presentan na nosa vida cotiá.
O que provoca un rexeitamento cara a esta área, en moita ocasións, é a forma de ensinalas. Na Educación Primaria o neno non ten desenvolta a súa capacidade de abstracción e, polo tanto, cústalle moito comprender determinados conceptos sen operar directamente con obxectos. A xeometría, por exemplo, non pode ser ensinada a través de fotos ou de exercicios do libro de texto. Os alumnos constrúen a maioría dos conceptos espaciais (distancia, direccionalidade, ángulo, paralelismo, perpendicularidade...) a partir dos propios desprazamentos e coa axuda de materiais manipulables.
É fundamental que á hora de ensinar matemáticas teñamos en conta o nivel de coñecementos previos dos nenos, para que estes poidan relacionar as novas aprendizaxes coas súas propias experiencias. É dicir, debemos ensinar a través da aprendizaxe significativa, tal e como a denominou Ausubel. Os alumnos, tendo en conta a teoría construtivista, teñen que participar activamente na construción das súas propias aprendizaxes.
O ensinar as matemáticas só a través do libro de texto e de exercicios aburridos, lévanos a unha actitude negativa dos discentes. Ensinanza e xogo non teñen que estar rifados, xa que é posible que os alumnos aprendan mentres se divirten. As actividades lúdicas, sobre todo en Primaria, son esenciais para conseguir motivar o alumnado. Tamén resulta moi útil traballar esta área dende a investigación, a observación e a experimentación. Lanzamentos de hipóteses, busca de información, traballos en grupo, asembleas ou debates sobre determinados problemas son bos alidados para adquirir coñecementos matemáticos. Os nenos para poder ter unha visión positiva desta área, teñen que ver a súa funcionalidade, a súa aplicación, e o beneficio do seu uso e manexo.
Hoxe en día, as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) ofrécennos un grande abano de posibilidades, en soporte multimedia e a través da rede, para traballar esta ou calquera outra área. A posiblidade de que o alumno participe activamente na súa aprendizaxe e interactúe mentres aprende, garante maiores posibilidades de éxito. As TIC son un recurso visual moi atractivo e adáptanse perfectamente a todos os ritmos de aprendizaxe. Hai infinidade de páxinas que permiten a descarga gratuíta de material para mestres e alumnos. A pizarra dixital tamén nos permite buscar información ao momento, visionar películas, escoitar música e realizar milleiros de actividades interactivas, dinámicas e entretidas.
Para aprender conceptos matemáticos é tamén esencial que os nenos teñan unha axeitada comprensión lectora. De pouco serve que os alumnos saiban os pasos para resolver un problema se non saben entender o que se lles pide. Os contos, ademais de axudarnos a perfeccionar a comprensión de diferentes textos, son un excelente recurso para ensinar e aprender matemáticas. Provocan unha alta motivación nos alumnos, xeran unha actitude positiva e axudan a comprender conceptos abstractos. Eliminan o carácter frío da área en canto a relacionan coa educación en valores, e establecen interrelacións entre o factor cognitivo e o emocional. Estes dous últimos factores teñen que ir xuntos para garantir o desenvolvmento integral do alumnado.
Por útlimo, como un dos atributos dos nenos nesta idade é o pensamento máxico, debemos aproveitarnos de recursos como a papiroflexia, os enigmas, as adiviñanzas, os trabalinguas, os xogos de maxia, os trucos matemáticos ou as ilusións ópticas. Se traballamos nesta liña, sen dúbida conseguiremos que os alumnos vexan as matemáticas como unha área atractiva e chea de posibilidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario