por Pilar García Negro, política e sociolingüista, no Xornal de Galicia:
Comentaba nun artigo anterior o xuntoiro da bandeira española co negro touro estampado na faixa amarela que se puido ver abondosamente nas televisións co gallo da apoteose futbolístico-españolista deste mes. Onte –e tamén, malfadadamente, me cadrou velo na pantalla televisiva– un rapaz, nun lugar de Alacant cuxo nome non recordo, foi embestido por unha vaquilla que o zapateou como quixo e que resultou gravemente ferido. O mesmo en México e, tal e como é de prever, pasará ou poderá pasar en calquera das touradas que se sigan a celebrar, para honrar no seu altar de morte e barbarie o deus devorador de vidas e compracer o sadomasoquismo duns espectadores e, sobre de todo, para engordar o peto dos que se lucran con semellante espectáculo.
“¡Lástema de bois!”, sentenciaba o paisano debuxado por Castelao, en 1917, perante a contemplación dun cartaz que anunciaba touros en Santiago, en estampa subtitulada “Filosofía labrega”, con que o artista facía emerxer a síntese dunha outra cultura e dunha outra concepción dos animais. Sempre recordo o chiste ou piada de meu pai cando refería a conversa entre dous amigos: “–¿Gostas dos touros? –Gosto. –E logo, ¿como non vas? –Por iso mesmo”. Eu felicito desde aquí ás asociacións que están a traballar para a supresión de tan bárbaro espectáculo, nomeadamente, as que denuncian que na Galiza teñamos que aturar a importación da barbarie, e fago votos para que a votación que hoxe mesmo, mércores ou cuarta feira, vai ter lugar no Parlamento catalán, resulte favorábel á eliminación das touradas nesa nación.
Para alén da tortura do animal e do perigo para o matador e acompañantes, xa resulta ben chamativo e sintomático que a máis rancia españolada ideolóxica e política faga súa a defensa incondicional da tauromaquia, como do fútbol ou da imposición da bandeira única. Todo casa co que se interpreta que debe ser a única nación, a única patria, o único idioma. Servidores do Estado que todos pagamos, como os policías que acosaron viandantes, en Compostela, no Día da Patria Galega, mofáronse das mesmas, burláronse da lingua galega e quixeron impedir o seu uso, ameazaron fisicamente transeúntes ou impediron que manifestantes portadores da bandeira galega pudesen acceder ao río da manifestación, funcionarios do Estado, digo, como os que menciono, están a reproducir este esquema ancestral e moderno ao mesmo tempo.
¿Vai ficar impune a súa actuación? ¿Temos que aturar, os galegos de hoxe, semellante alarde de prepotencia, violencia verbal e / ou física, vexación e ocupación de rúas, prazas e dereitos que son nosos? ¿Necesita a monarquía española defensores desta laia? ¿Consenten os representantes do goberno do Estado e do satélite da Xunta semellante proceder? ¿En que escola ou academia se forman elementos como os que se dedicaron a insultar e agredir nativos ou forasteiros no Día da Patria Galega?
Sería ben que a España política e, con ela, a sociolóxica, procedese a recambiar símbolos, actitudes e comportamentos tan rancios, reaccionarios e agresivos. Daquela, talvez nos pudésemos contemplar todos os seus cidadáns en espellos comúns. Entramentras, non pasaremos por menos de proclamar o noso dereito mínimo a non afiliármonos á barbarie, á violencia e á incivilidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario