Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 12 de xullo de 2010

Leche gallega contra leite galego

Volveron a facelo.
Tanto é o odio que a zunia gobernante lle ten ao galego que cada vez que poden, intentan minimizar o uso da nosa lingua. E se o goberno galego non pula polo galego, que sentido ten que siga gobernando? O goberno da Xunta de Galicia está completamente deslexitimado para continuar exercendo (son palabras da RAG, no seu ditame sobre as Bases para o decreto).
Xa o fixeran na campaña de gratuidad(e) solidaria, na que publicitaban o pago a algunhas familias dos libros de texto frente ao programa de préstamo anterior que garantizaba o acceso gratuito de todos a ese mesmo material.
Agora trátase dunha campaña a prol do leite galego, e ben se ve que entre as condicións que está a impoñer a Xunta nos contratos de publicidade está o de que a mesma iconografía serva para poder distribuíla en galego e en castelán. Trátase de poñer en práctica a idea do bilingüismo amable, segundo a que o galego é un idoma inútil, que non lle serve nin á Xunta para dirixirse á poboación, e que se queremos comunicar algo, debemos facelo en español, ou como moito en galego acompañado do español. Deste xeito a campaña para publicitar o leite galego ten un chorriño que fai as veces dun "l" e convirte galega en gallega. Mais para que o escarnio sexa completo, o obxecto de galeguidade/galleguidad é a leite/la leche, toda unha mensaxe clarificadora, por se aínda había algún despistado: o galego non importa, podemos deturpalo e desprecialo, facer del un gurruño e tiralo ao lixo. Iso si, o castellano, sempre perfecto, sen erros sintácticos nin gramaticais.
A esta Xunta non lle interesa facer unha campaña exclusivamente en galego, e seguindo esta dinámica non tardaremos en ver un anuncio da SXPL dinamizando, que é como se di agora, o uso do galego, en español.
A ver quen é o idiota que compra ese leite pensando que é galego cando nin a publicidade, que é a actividade máis enganosa do mundo, nin tan siquera disimula e está 100% en español.

Ningún comentario:

Publicar un comentario