V. Oliveira e N. Sequeiro asinan un artigo no Galicia Hoxe no que se aproximan á realidade dos centros de ensino e os problemas que xenera a aplicación do funesto decreto 79/2010. O título do artigo é Un decreto sen solucións, eu engadiría: e con moitos problemas.
Algúns institutos decláranse incompetentes para garantiren que cada alumno reciba a metade das materias en galego e en castelán
A repartición ao 50% das materias en galego e castelán está a crear problemas nos institutos de ensino secundario. De feito, moitos centros están a adiar ou rexeitar o proxecto lingüístico xa que non conseguen poñerse de acordo. O Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia (STEG) denunciou onte que algúns centros estanse declarando incompetentes xa que lles resulta imposible garantir que cada estudante vaia recibir a metade das clases en galego e castelán sen saber que materias optativas vai elixir.
En Bacharelato, o polémico decreto deixa en mans de cada instituto que materias se impartirán nunha ou outra lingua e só se obriga a garantir que os alumnos reciban as mesmas horas de clase en galego que en castelán. Na ESO, a Xunta fixa o idioma das troncais e o repartimento do resto de materias recae nos centros. "A lei non está clara, fala de equilibrio, pero non dá solucións para os problemas que se están presentando", denuncia Xosé Cabido, portavoz do STEG.
A primeira das dúbidas recae no repartimento de idiomas nas materias optativas. Aos centros resúltalles imposible garantir que cada estudante vaia ter a metade das clases en galego e castelán sen saber que materia optativa vai elixir.
Un deses centros é o instituto de educación secundaria de Melide. O seu consello escolar rexeitou en asemblea o proxecto lingüístico presentado pola dirección do centro, xa que non saben como impartirán as materias de libre elección de idioma no vindeiro curso. O decreto non indica a quen lle corresponde decidir como actuar ante unha negativa do consello escolar á proposta lingüística, acordada por unha comisión formada por varios profesores dos centros.
Pola súa parte, no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, a coordinadora do equipo de normalización lingüística do centro, Ana Rial, explica que até que peche o prazo de matrícula, en setembro, non aprobarán o proxecto lingüístico. "En Bacharelato e ESO, para que unha optativa se imparta, téñense que matricular cando menos dez alumnos. Pero iso non o sabemos até setembro, que é cando remata o prazo para matricularse. Porque se decidimos que dúas materias se impartan en galego e outras dúas en castelán pero cae algunha delas porque non se chegou ao cupo suficiente de alumnos, as linguas quedarían xa descompensadas", explica a profesora.
Pero este non é o único problema. Ao ver de Rial, "os que forman parte da comisión -os mestre elixidos para elaborar o proxecto lingüístico- teñen que decidir en que lingua han de dar as materias o resto de profesores. Nós decidimos que non só pode estar nesa comisión o encargado de normalización lingüística e os xefes dos departamentos de linguas senón todos os profesores implicados".
A isto engádese que "non sabemos en que lingua teñen que mercar os libros os pais até que peche a matrícula e iso xa llelo explicamos ás familias nunha circular". Para intentar buscar unha solución a estes problemas, os mestres deste centro de Caldas de Reis enviáronlle unha carta ó delegado de Educación."Non tivemos resposta de ninguén. Vemos que a Consellería se desentende e trasládanos a nós e ós pais un problema que non sabemos como resolver", denuncia Ana Rial.
O decreto que entrará en vigor no próximo curso non dá respostas. Segundo o portavoz do STEG, no caso de que os docentes non consigan consensuar os horarios existe un regulamento para solucionalo, pero non hai instrucións de ningún tipo para a elección idiomática. Segundo indica o sindicato, varios centros declaráronse incompetentes por este motivo pedíndolles á Consellería de Educación que realice ela mesma a asignación de galego e castelán. Porén, fontes do departamento que dirixe Jesús Vázquez aseguraban onte "non ter constancia de que haxa ningún problema".
No colexio Agro do Muíño xa aprobaron a súa proposta
Porén, outros centros como o colexio de educación infantil e primaria Agro do Muíño, en Ortoño (Ames) xa teñen aprobado o proxecto lingüístico. Dende o seu equipo de normalización apuntan que "temos claro que somos empregados públicos e que temos que facer cumprir a lexislación lingüística: por iso casamos o 50 por cento entre todas as materias, aínda que o noso profesorado é máis tendente ao galego que ao castelán", apuntan.
Por outra parte, en Infantil, recibiron cubertos os cuestionarios nos que Educación pregunta sobre a lingua "materna" dos alumnos. "Valoradas as enquisas e para sorpresa nosa, o 45% dicía castelán, o 46% galego e ao resto dáballe igual. Aínda que pola mínima, acabou gañando a opción de galego, así que estamos contentos", remarcan os profesores deste colexio.
Denuncian ameazas no IES As Bizocas
O claustro do IES As Bizocas do Grove declarouse incompetente para realizar a repartición de materias entre galego e castelán. O instituto trasladou a Educación a súa resolución para que fose a Consellería a que asignase os idiomas.
Segundo denuncia o STEG, a Consellería respondeu ameazando ós profesores con entre tres e seis anos de suspensión da función pública. "Foi a directora quen trasladou no claustro o que lle comunicou o inspector", explica Xosé Cabido voceiro do STEG.
"Pedía a acta no que se recollese o que dicía cada profesor con nomes ou apelidos ou que se chegase a un acordo", indica Cabido, que afirma que desde a consellería están actuando de "comisarios políticos".
Fontes de Educación aseguraron onte non ter constancia do caso do IES do Grove.
Ningún comentario:
Publicar un comentario