Un artigo, moi do meu gusto, por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:
Luís Tosar, que o discurso que deu en galego, na recolla do Goya, valeu máis que vinte e cinco anos de política lingüística
Cando en 2002 se iniciaron as xuntanzas para a realización do Plano xeral de normalización da lingua galega (Xunta de Galiza, 2005) conseguiuse reunir máis de sesenta expertos en lingua galega, que sentaban cóbado con cóbado para traballar nun macroproxecto que supuña a folla de ruta para a aplicación práctica da Lei de normalización lingüística.
Algo máis de dous anos despois, en 2004, o documento final sería aprobado por unanimidade no Parlamento de Galiza nun consenso político por parte das tres forzas que o compuñan (PPdG, PSdG-PSOE e BNG).
Coas 445 medidas contempladas no Plano xeral de normalización da lingua galega albiscábase a esperanza dunha mellora cualitativa no desenvolvemento dunha política lingüística activa e progresiva, vital para o punto en que se atopaba a nosa lingua.
Hoxe en día contemplamos como todo ese esforzo de traballo e cartos públicos ficou esquecido, e como ese consenso básico para a lingua de noso foi esnaquizado por moitos dos que naquel hemiciclo se sentaban, nomeadamente Alberto Núñez Feijóo, hoxe en día Presidente da Xunta de Galiza, quen descaradamente decidiu saír do armario e mostrar a medida máis efectiva do Partido Popular en materia de 'protección' das linguas minorizadas: o acoramento.
A pesar de que o Plano era moi ambicioso, tiña medidas realmente encomiábeis e polas que se debía comezar a actuar. Unha delas era o ensino, e o Decreto 124/2007 do uso e promoción do galego no ensino non foi máis que unha prolongación lexislativa derivada de aquel consenso lingüístico que tiña, entre outros, os seguintes obxectivos na devandita área:
- "Alcanzar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral.
- Fomentar o uso progresivo do galego desde a etapa escolar (0-3 anos), de xeito que se superen as fortísimas carencias que se observan nos primeiros banzos do ensino".
As medidas para conseguir estes obxectivos pasaban por garantir que, como mínimo, o alumnado recibise o 50% da súa docencia en galego e se incorporasen as matemáticas e a tecnoloxía ás materias que figuraban xa como de uso obrigatorio en galego desde o Decreto 247/1995. O propio Plano sinalaba que en moitos centros de ensino de Galiza, "faise unha interpretación restritiva do Decreto 247/1995, do 14 de setembro, de maneira que os 'mínimos' de obrigado cumprimento se toman como 'máximos' dos que non se pode pasar".
Mais todos e todas sabemos, ademais, que nin co Decreto de 1995 nin co de 2007 se cumprían os mínimos obrigatorios de presenza do galego nas aulas, o que levou a que en novembro de 2008 o alumnado secundase maioritariamente unha folga, convocada pola Mesa e apoiada polos Comités e Galiza Nova, en que se pedía unha maior presenza do galego no ensino, e o respecto á lexislación daquela vixente.
Como se desenvolveu posteriormente a historia xa o sabemos de sobra e non é cuestión de aborrecer recordando todas e cada unha das medidas de desprotección para o galego que se efectuaron desde que o PP retomou o poder en 2009, co ínclito Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística.
Non deixa de ser irónico, asemade, que na nómina de lingüistas que aparecen como redactores da comisión sectorial número 2 do Plano de normalización da lingua galega (precisamente a encargada da educación, familia e mocidade) apareza Anxo Lorenzo como secretario. Quizais esta función xa era todo un presaxio do seu futuro posto no Goberno do Partido Popular.
Mais volvendo ao punto de consenso, é dicir, retrocedendo no tempo até o documento que estamos a tratar, debemos mencionar outra das medidas que máis clamorosas se facían, e se fan, e que veñen redactadas no sector relativo á mocidade. Neste punto fálase da "inexistencia de canles para a aparición de 'líderes de opinión' galegofalantes que sexan modelos a imitar para a mocidade", algo que é importantísimo na encrucillada na que estamos en pleno século XXI, onde o mundo da imaxe semella ser o futuro da comunicación humana.
Díxose a comezos de ano, e non sen acerto, coincidindo coa recolla do Goya ao mellor actor principal por Luís Tosar, que o discurso que deu en galego valeu máis que vinte e cinco anos de política lingüística. Posteriormente, aparecía unha campaña promovida pola Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística so o nome "Orgullosos do noso, orgullosos do galego" en que os protagonistas eran Martiño Rivas, María Castro, o propio Luís Tosar, Belén Regueira, Susana Seivane e Antón Reixa, animando a darlle ao galego a protección que merecía e espallando un sentimento de orgullo e afecto pola lingua propia do País.
Iniciativas coma esta debían ser primordiais, sen caermos na superficialidade da mercadotecnia sen substancia, está claro, mais mantendo unha presenza constante nos medios de comunicación de persoas de referencia para a mocidade que falen con normalidade en galego. E non só para atribuír un modelo lingüístico aos mozos e mozas castelanfalantes, senón tamén para reforzar o discurso da utilidade da nosa lingua e desmontar os prexuízos existentes na mocidade galegofalante. Temos que facer do galego unha lingua da que os mozos e mozas non sintan vergoña ao falala.
Velaquí o reto que temos por diante. Sen axudas por parte dos que deberían levar adiante a defensa da lingua que lles dá de comer; contra o despropósito e a desvergonza dos que van e veñen reptando polos esqueiros do poder, e co silenciamento de boa parte das canles que temos para nos facer oír e ver.
Aínda sen eles sairemos adiante, como tantas outras veces o fixemos. Cómpre renovarnos, do mesmo xeito que a Ave Fénix, que tiña unha plumaxe alaranxada, vermella e amarela, e que, segundo conta a mitoloxía, se consumía por acción do lume cada cincocentos anos, tantos como o castelán se leva impondo na Galiza.
Sexamos valentes, máis unha vez: cambiémoslle a plumaxe á Ave Fénix e que desta volta renaza branquiazul e consiga facer fronte aos prexuízos novamente instalados na sociedade: dando exemplo, mais con modernidade.
Comecemos a traballar e a buscar os líderes de opinión. O tempo aprema.
Ningún comentario:
Publicar un comentario