O deputado do Grupo Parlamentar do BNG Bieito Lobeira reclamou a introdución do galego como 'lingua normal de traballo e de uso preferente na administración de Xustiza en Galiza', co fin de garantir o dereito a que toda persoa poida utilizar e ser atendida no idioma galego en calquera trámite ou procedemento deste ámbito. Tamén, 'en todas e cada unha das partes dos procesos xudiciais, rexistrais e notariais, tanto oralmente como por escrito'
Lobeira presentou en rolda de prensa unha proposición non de lei neste sentido que inclúe medidas a adoptar tanto no que atinxe ao persoal como á sociedade, dotación de medios, competencias e notarías, salientando a necesidade de que sexa considerado como requisito indispensábel para o exercicio das súas funcións en Galiza o dominio oral e escrito do idioma por parte de xuíces e funcionarios.
“E que non se interprete como imposición –engadiu– pero por riba dos dereitos dos xuíces está o dereito dos administrados e non é posíbel impartir unha Xustiza xusta se non se coñece a lingua dos administrados”, sinalou.
“Só o 3,5% das sentenzas en galego”
O parlamentar denunciou o paradoxo de que precisamente o ámbito que ten que dar exemplo, pois é garante do cumprimento de dereitos, sexa no que segue existindo unha “escandalosa” ausencia do galego, onde máis se vulnera o seu carácter cooficial, e afirmou que as cifras falan por si mesmas e ademais van a peor, de tal xeito que, segundo dados oficiais, só o 3,5 por cento das sentenzas e procedementos xudiciais se fan en galego, e o 96,5 por cento en español.
Para Lobeira, non obstante, o problema de que o galego sexa unha lingua “proscrita” e “vetada” na Xustiza non é de falta de vontade dos profesionais senón dunha evidente falta de medios, produto da ausencia de vontade política do actual goberno da Xunta, “que define as relacións lingua-xustiza como de bilingüismo pacífico e natural cando a realidade é que se pode dar o caso de que, aínda existindo acordo entre todas as partes implicadas nun xuízo non é posíbel tecnicamente desenvolvelo en galego”.
Retroceso
Neste sentido, o deputado nacionalista advertiu que se está retrocedendo, pois hai tres anos era posíbel usar máis o galego ca hoxe, pola actitude contraria á normalización deste Goberno, reiterou, e puxo como exemplo a recente aplicación do novo programa Minerva, adquirido e pagado pola consellería de Presidencia, que é incompatíbel co uso do galego.
Non existe tampouco, engadiu, un corpo de documentos xurídicos frecuentes en galego, polo que serán os xuíces ou xuízas quen, duplicando o seu traballo, terán que proceder á tradución de textos se queren consultalos ou conformar unha base de datos en galego, “e mentres, dende a dirección xeral de Xustiza se lles segue remitindo todos os novos textos lexislativos só en español”.
Tamén a nova en Galicia Hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario