Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 30 de xullo de 2010

O español é a lingua impropia de Galicia

O Estatuto de Autonomia de Galicia, no seu artigo 5, alínea 1, di literalmente que "A lingua propia de Galicia é o galego". Non di que o castelán o sexa, polo tanto o castelán non é a lingua propia de Galicia. No mesmo artigo, alínea 2 dise que "Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar". Disto conclúese que o galego caracterízase por ser oficial (xa o era polo artigo 3.2 da Constitución Española) e por ser a lingua propia. O castelán é só oficial, polo tanto é a lingua impropia de Galcia.
No mesmo Estatuto, artigo 27: "No marco do presente Estatuto Correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias: [...]20. A promoción e o ensino da Lingua galega." Non se di nada a respecto da promoción do español.
Pois contradecindo todos estes mandatos, a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Medios, acaba de sacar o prego de condicións para unha campaña contra o galego na que se publicitará, cun gasto de máis dun millón de euro, o funesto decreto de plurilingüismo. A campaña, farase en galego pero tamén en castelán porque, en contra do Estatuto, o que están a promover é este idioma, que é o idioma abafantemente protexido, omnipresente e omnipotente en todos os ámbitos da nosa sociedade. E como xa avanzara neste blogue a campaña non pode conter outra cousa que mentiras. Efectivamente, o Xornal de Galicia destaca que o prego de prescripcións técnicas comenza dicindo que “O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ao galego e ao castelán como linguas propias e cooficiais de Galicia”, isto é, comenza mentindo no que xa é unha clásica técnica na SXPL. Por iso, insisto, o español será oficial en Galicia, pero non é a súa lingua propia. O idioma que se falou aquí desde o século IX foi o galego, e  galego foi a lingua dos reis de Galicia, dos de Portugal e dos de Castela. A división política de Galicia en dous reinos a mediados do século XII non significou a ruptura lingüística, o galego-portugués é un continuum e a diferenciación tardará séculos en establecerse.
A partir da submisión total a Castela desde o reinado dos Reis Católicos prodúcese a imposición dos castelán en Galicia. Os escribáns galegos deben examinarse en Toledo a paritir do 1480. O desprezo ao galego de por parte das clases dirixentes nos séculos seguintes foi cousa común. Implántanse o racismo lingüístico e o galego é reducido, desprezado, maltratado, prohibido,... durante séculos. Agora, en compesación a Xunta promove o castelán e elévao á categoría de lingua propia de Galicia. Será que van cambiar a historia da nosa lingua por medio dunha campaña de manipulación?
P.S.: Vese que non son o único que está mosqueado por este asunto, basta ver a noticia da Nosa Terra : "O BNG denuncia que a Xunta falsea o Estatuto"

Ningún comentario:

Publicar un comentario