Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 16 de xullo de 2010

Decano contra o galego

 A UDC elaborou unha campaña  titulada "En galego tamén se fai ciencia" e que sacou á luz a principios de xuño. A min xa me tardaba que algún zunante a criticara, pero por fin aquí o temos. Trátase de Jaime Gómez Márquez,  decano da facultade de Bioloxía da USC, quen escribe no xornal La Voz de Galicia. Non podía ser noutro lugar se se trata de atacar á nosa lingua. Empeza ben, incluso para reforzar a súa argumentación escribe en galego, mais estropea todo no último párrafo, e que é precisamente o párrafo polo que fixo o artigo. Vai primeiro o artigo, despois xa o comentarei.
Alingua galega, como todas as que se falan no mundo, é unha construción da intelixencia humana que evoluciona coas aportacións doutras linguas e das persoas que a falan, nun contexto histórico, cultural e xeográfico que tamén muda ao longo do tempo. Ningunha lingua é inmutable e dentro dun século o idioma galego será diferente ao actual como calquera outra lingua que se fale nunha sociedade aberta. Non debemos sacralizar ningunha lingua nin tampouco pretender mantela illada para preservar a súa «pureza». As linguas están vivas, e por iso mesmo mudan co tempo; esa evolución non fará que sexan mellores ou peores, senón moito máis axeitadas á súa realidade.
O galego é un vehículo de comunicación vivo e un ben cultural do que temos que sentirnos orgullosos e respectar fondamente, entre outras razóns, porque forma parte do noso patrimonio cultural e histórico. Como idioma propio de Galicia, o galego ten que estar apoiado pola sociedade e ten que poderse empregar a todos os niveis da vida das persoas. Vivín a ditadura, a transición política, e a democracia, e teño que dicir que na miña percepción histórica, o galego se emprega hoxe en día moito máis que antes, tanto nas institucións como nas grandes cidades galegas, onde, hai non moitos anos, era unha lingua marxinal. En moitas vilas e pobos pequenos sempre se falou galego, e en grande medida por iso non morreu.
Recentemente, as tres universidades galegas presentaron unha campaña que se chama En galego tamén se fai ciencia. Isto non deixa de ser unha obviedade, xa que facer ciencia non ten nada que ver co idioma, pero outra cousa é o modo de transmitila. A ciencia ten vocación universal, e cando se fai un descubrimento, os investigadores o que queren é que sexa coñecido por todo o mundo. E para iso xa hai unha lingua, o inglés, que toda a comunidade científica asume como o idioma propio das publicacións especializadas. Na inmensa maioría dos casos, o galego non debería ser a ferramenta lingüística para comunicar os novos avances científicos, pero non porque facelo en galego sexa algo negativo, senón porque sería condenar o descubrimento ao ostracismo. Cando dende calquera laboratorio de Galicia se publica un traballo en inglés nunha revista científica, estase a facer unha aportación á ciencia e tamén estase contribuíndo a que Galicia sexa coñecida no mundo como unha sociedade avanzada que participa no progreso da humanidade.
En Galicia, o galego pode e debe ser unha das linguas que se empreguen para a divulgación científica, tanto en revistas especializadas como en conferencias, e tamén nas aulas, dende a escola ata a universidade. Pero nunca esquezamos que a principal función da linguaxe (de todas) é facilitar a comunicación entre as persoas, e nunca permitamos que a defensa e reivindicación dos nosos sinais de identidade se faga por enriba da liberdade, que é un dos máis grandes logros da democracia e da humanidade. A liberdade é un tesouro e o mellor anticorpo fronte a calquera tentación autoritaria ou sectaria.

En primeiro lugar, quen son eu para criticar a todo un decano da Universidade de Santiago. Poi o certo é que, como diría Carlos Mella, eu son un ninguén, e aínda para máis teño uns coñecementos de sociolingüística que rozan o cero, mais  o autor do artigo precedente debe valorarse con números negativos.
En segundo lugar, o señor Jaime Gómez Márquez, seguro que di de si que é un científico, e como tal debería tratar todos os asuntos cun espíritu e unha metodoloxía científicas, polo que se pon en cuestión algún feito debería coñecelo profundamente, mais este non é o caso. Se de verdade perdera algo do seu tempo vendo os vídeos da camapaña que pretende criticar, podería observar que en todos os que participaron na mesma comentan que para facer ciencia no ámbito internacional, tiveron, que desenvolver boa parte do seu traballo en inglés, o cal nunca foi un impedimento para que usaran o galego sempre que tiveran ocasión. Por poñer un exemplo, deixo aquí o vídeo do profesor Carracedo, director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela.

Ángel Carracedo from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Eu escoite a Ángel Carracedo na conferencia de clausura do XXI Congreso de ENCIGA celebrada no Carballiño. Alí puxo un PowerPoint en inglés, pois era o que tiña, e impartiu unha lección sobre as investigacións que nese momento se están a desenvolver tanto na Universidade de Santiago como no mundo no campo dda medicina xenómica, e fíxoo nun galego sen erros gramaticais, e isto foi así porque el usa o galego habitualmente, é a lingua de seu, tal e como comenta no vídeo. No entanto, para outros, como para o decano Jaime, o galego é algo que molesta, que vai en contra da liberdade. Se isto é así, será polos prexuízos que ten a respecto do galego, que intentou disimular nos primeiros párrafos, pero que xurden con toda a súa zunia na mensaxe final.
En terceiro lugar, coméntase no artigo que o galego está ben, por exemplo para a divulgación científica. Bonita forma de argumentar, sabendo como el debería saber, que produción divulgativa en galego non hai. Se queremos ser estricto, hai dous libriños de Xurxo Mariño: Pó de estrelas e Os dados do reloxeiro, e aquí acábase o conto. Está moi ben inchar o peito e falar do galego como lingua acaída para a divulgación, ...mentras que na realidade este eido aínda está ermo. De seguro que o que tería que facer o señor Jaime, se realmente é certo que valora a lingua galega, sería promover a divulgación científica en galego e denunciar no seu artigo que a principios do século XXI non se desenvolvera aínda este espazo.
Por último, un xa está farto de que contrapoñan liberdade a uso do galego. En troques o que habería que facer é reivindicar a non discriminación dos que facemos uso do galego pois si que temos restrinxidas as nosas libertades nunha chea de ámbitos... salvo que o que queiramos é o que quer o señor decano, restrinxir o seu uso e intentar sacar eivas dunha campaña ben feita e cunha mensaxe que agora, máis que en ningún outro momento, debe chegar a todas partes: o normal, en Galicia, é que a lingua da ciencia, sexa o galego, e o normal é que nas aulas de primaria e secundaria, a ciencia se ensine en galego.Ou non é iso o que queremos todos? Pode que os autoritarios e os sectarios, os que, como o señor Jaime, queren impoñer o español, que xa está de por si omnipresente en todos os ámbitos da sociedade, pode ser que eles non o queiran así. Entón convén que o digan claramente, que odian o galego, que o teñen como unha lingua de segunda categoría, que o usen algúns en espazos restrinxidos. Esa é a libertade que buscan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario