Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de xullo de 2010

Policía brutaz

por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Dubidaba eu se utilizar aquí a forma brután ou brutaz (ese expresivo z final), ou tamén irmos, por que non, a palabras como indondo, groseirón, alarve, tosco e, se queren, túzaro. Porque ese policía (funcionario dependente do Ministerio do Interior) que ameazou a unha xornalista cunhas "hostias" -textual-, tras recriminarlle a utilización do nome santiagués propio e oficial de Pescadería Vella -"se dice Pescadería Vieja", bradou o axente-, non é outra cousa que un brutaz incumpridor das misións básicas constitucionais que deben presidir as actuacións do Corpo Nacional de Policía: "Protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a Seguridade Cidadá". Por iso mesmo non estaría nada mal, como mínimo, que o mando superior das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que corresponde ao Ministerio do Interior, lle abrise un expediente sancionador ao funcionario policial por falta grave, porque grave é ameazar con violencia a un cidadán, ademais de desprezar o idioma propio e oficial de Galicia e pretender impor o uso pola forza de formas lingüísticas non oficiais. Non acudirei eu aquí, líbrenme os deuses, a aquel relato breve de Alfred Jarry titulado O cerebro dun axente de policía, mais o axente policial en cuestión non deixa de ser unha mazá podre -ou un garavanzo negro- que habita un corpo policial profesional, e, como ben di Quim Monzó en La Vanguardia (En Santiago na noite escura, titula o artigo), hai policías que se escoitan algo en idioma bárbaro -tal é o caso: "Pescadería Vella"- experimentan fervedura no sangue que logo lles sobe disparada até o cerebro. En fin. Do que non me cabe dúbida a min é de que o citado axente represor lingüístico non cumpre cos principios de "servizo, dignidade, entrega e lealdade" que decoran a formación dun policía e estou por asegurar que o aproveitamento de materias como Dereito, Socioloxía, Psicoloxía e Comunicación e Relacións cos Cidadáns, entre outras, foi, neste caso, nulo. Debería ser identificado o número e declarado suspenso

Ningún comentario:

Publicar un comentario