Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 7 de xullo de 2010

D´xeito peitea e fala con xeito

entrevista a María Xosé Loira García, do salón de peiteado D´Xeito en Marín.Na Nosa Terra:
Dende a súa apertura no ano 2002 ten toda a rotulación e información dos servizos que presta en galego. Polo seu compromiso a prol da normalización lingüística no ámbito dos servizos Queremos Galego Marín premiou a este negocio recentemente coa 'Lingua de Ouro'.
Dende cando usa o galego no seu negocio?
Dende que abrín o salón de peiteado no ano 2002.
Por que tomou esta decisión?
Por nada en particular. Son galegofalante de toda a vida, o galego é a miña lingua materna e coa que mellor me expreso, por iso busquei para o meu negocio un nome galego, curto e relacionado co mundo dos peiteados, e, D'Xeito axeitábase ao que eu buscaba. Tamén tiña moi claro que non quería facer a rotulación exterior en galego e o resto en castelán porque non me parece coherente.

Chamou a atención entre a súa clientela este detalle?
Non. Aceptouno todo o mundo como algo natural. Marín é unha vila pequena na que se fala bastante en galego e a xente non lle dá importancia a estas cousas que deberían estar normalizadas.

Ten vantaxes ou inconvenientes 'venderse' en galego?
Nin unha cousa nin outra. Todo depende do contorno no que cada quen vive e se criou. Eu son de Cadrelo, un lugar da parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, no que sempre falamos en galego. O que si é certo é que tiven problemas coas empresas de rotulación porque non escriben ben os textos e nomes en galego. Tiven que estar moi pendente porque xa non é a primeira vez que meten a pata. Creo que o problema é que moita xente fala galego pero non o escribe.

Recentemente recibiu a premio Lingua de Ouro de mans de Queremos Galego Marín. Sorprendeuna este recoñecemento?
Bastante. Para min foi unha sorpresa que me agradou moito. Despois de tantos anos tendo toda a rotulación e toda a información dos servizos que prestamos en galego agradecín moito este recoñecemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario