Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 19 de xullo de 2010

Temos nomes propios

por Carlos Callón, presidente da Mesa, no Galicia Hoxe:

Meu irmán Xoán Xosé decidiu galeguizar o seu nome no rexistro civil. Preguntoume como se facía e, en cuestión de días, xa deixou de ser Juan José tanto na partida de nacemento como no carné de identidade. Seguiu así os mesmos pasos que adoptou miña irmá hai xa algúns anos, cando chegou á conclusión de que o seu nome debería ser, con todas as da lei, María do Mar. A decisión de ambos foi o corolario dun compromiso emocional e racional coa lingua galega.
Non traio aquí esta anécdota só para fachendear de familia, aínda que tamén (por certo, non falo de meu irmán Francisco porque, igual ca min, xa ten o nome en galego...). O que me parece relevante é que esta acción debería ser moito máis imitada polas persoas con sensibilidade pola lingua de noso.
A Mesa pola Normalización Lingüística realizou ao longo da súa historia varias campañas para informar á sociedade da posibilidade xurídica de tomar esta decisión persoal e para animar a que se dea ese paso. No momento en que nos encontramos, parece necesario volver realizar esta chamada.
Como se perderon os nosos nomes e apelidos?
En 1924, Xosé Leis Meis explicábanos como foi o proceso contando a seguinte anécdota:
APELLIDOS ESPURIOS
Estando eu nun xusgado de aquí da Cruña entrou unha muller da aldea. Preguntou polo rexistro civil e eu mesmo llo amostrei. Estaba eu nel, recollendo unhos datos que precisaba.
A muller pedía un certificado de nacemento. Xa traía outros documentos e faltáballe solo aquel.
O encargado do rexistro preguntoulle como se chamaba pra llo dar.- "Chámome Fulana Meixide", díxolle a muller. Volve o do rexistro a preguntarlle. Non entendera ben. A muller contestoulle o mesmo, que se chamaba Fulana Meixide.
O do rexistro puxo cara de mañá de orballo. Abreu o libro e mirou. Por terceira vez aínda lle volveu preguntar como se chamaba. A min xa non me cabía o pan no corpo. Contestei eu pola muller. O do rexistro calou. Non me dou carto pola sentencia. Despois díxolle á muller:
Usted se llamará Fulana Meigide.
Non, señor, que son Meixide.
Intervín eu falando no mesmo idioma que a muller: "O apellido Meixide é un apellido galego moi corrente. Supoño que neste libro haberá moitos máis." Contestoume o bo do home que alí non se podía poñer Meixide porque esta palabra non é castelán. E eu saínlle con esto: "¿E se vén un inglés ou francés a apuntar aquí un fillo vostede que fai: pon os apellidos que lle dean ou castelanízaos?" Respondeume que eran cousas distintas.
Resultado, que a muller levou o certificado con Meigide. E como noutro que traía do crego dicía Meixide, fixérona volver do sitio a donde foi para que arreglara aquelo. E a probe da muller, despois de gasta-los cartos e perde-lo tempo non sei o que tuvo que facer para saír do barullo en que se veu metida, sin ela ter culpa ningunha, senón a ignorancia do encargado do rexistro civil.
E agora pregúntome eu: ¿Hai dereito a que a un no seu país lle pasen cousas como esta? Non hai dereito. Si o encargado do rexistro soupese algo das cousas de Galicia non facía o que fixo. E si fora galego moito menos.
O activista e escritor Séchu Sende utiliza as palabras de Lesta Meis para unha unidade didáctica titulada "Colonialismo lingüístico", que se pode encontrar no número 2 (de marzo de 2007) da revista Longalingua. As actividades que propón para a reflexión son aínda demasiado necesarias:

Meixide é un topónimo frecuente en Galiza, en relación cos lugares onde abundan as ameixas. Mais, que significa "Meigide"? Nada. Escoitaches chamarlles algunha vez "ameijas" a esas froitas?
1.Cal é a pretensión do funcionario con esa actitude?
2.Pensas que foi un suceso illado ou responde a unha forma de política lingüística da administración española?
3.Fai un cálculo: imaxinemos que este funcionario traballou dez anos no seu posto castelanizando os antropónimos de catro persoas á semana. Cantos apelidos galegos foron colonizados?
Como galeguizar o nome?
Se es maior de idade, só tes que solicitar por escrito no Rexistro Civil que che muden o nome polo equivalente en lingua galega. Moitas veces pediranche que presentes unha instancia (da que tes un modelo na páxina http://www.amesanl.org/especiais.html) e, sempre, unha copia literal do teu certificado de nacemento. Nalgúns casos, cada vez menos frecuentes, deberás acreditar a equivalencia entre o teu nome legal e o que solicitas.
Se é un naipelo a quen queres pórlle o nome en galego, abonda con que o inscribas así. Nos últimos anos rexistráronse dous casos puntuais con problemas por este motivo, mais a lei é moi clara sobre este aspecto.
Como restaurar o apelido?
Se es maior de idade, solicítao por escrito presentando unha instancia, unha copia literal do teu certificado de nacemento e o carné de identidade. En determinados casos, deberás presentar un certificado que acredite a forma que corresponde aos teus apelidos oficiais. Os teus fillos e as túas fillas recibirán o teu apelido coa súa forma restaurada.
Cando fará falta un certificado?
No que di respecto á galeguización de nomes e restauración de apelidos, a normativa de aplicación dispón que o certificado de equivalencia só será preciso cando a mudanza que se pretender non sexa notoria. Isto é, a consideración da tal notoriedade dependerá da vontade e coñecementos do encargado ou da encargada do Rexistro Civil. Por iso, poderá solicitarche que probes "polos medios oportunos" a equivalencia e/ou a grafía correcta do nome ou apelido solicitado.
No referido aos nomes de persoa, a Real Academia Galega aprobou en sesión plenaria darlle carta de oficialidade ao Dicionario dos nomes galegos editado por Ir Indo, elaborado por Ana Isabel Boullón Agrelo, Xesús Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Xosé María Lema Suárez e Fernando R. Tato Plaza. Este feito diminuíu moito os problemas por este motivo.
Porén, se tiveres algún obstáculo no proceso, diríxete á Mesa pola Normalización Lingüística, ben no teléfono 981 563 885 ben no correo-e alinhadogalego@amesanl.org, onde che axudarán a resolvelo.
E para o carné?
Despois de mudares o teu nome e/ou apelidos no Rexistro Civil, cómpre que o corrixas tamén no documento de identidade, para que figuren nel as novas formas correctas e oficiais. Sempre que o carné estea en vigor (isto é, que a mudanza se faga unicamente por este motivo, non porque estea caducado etc), os trámites serán de graza. Abonda con ires á Comisaría de Policía e renovares o documento coa folla do Rexistro Civil na que figuran o teu nome e/ou apelidos coa súa actual forma oficial.
Unha vez que o mudases no carné de identidade, podes ir realizando a mudanza na futura documentación. No entanto, has de saber que todos os documentos anteriores ao proceso de galeguización do nome ou restauración do apelido son plenamente oficiais e válidos aínda que conteñan as formas anteriores. Ou sexa, se o teu título universitario pon "Eugenia Teijeiro Crujeiras" e agora es "Uxía Teixeira Cruxeiras", ese título será igual de válido, sen necesidade de o mudares, aínda que tamén tes a opción de o facer. Iso non quita que, para o futuro, ti serás sempre como única forma oficial Uxía Teixeira Cruxeiras, tanto aquí como na China popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario