Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 8 de xullo de 2010

Antoloxía da literatura galega

por Miguel Anxo Fernán Vello, escritor e editor, no Galicia Hoxe:
Edicións Xerais e Galaxia uníronse para, coa colaboración da Consellería de Cultura, levar a cabo un proxecto ben fermoso, construtivo e necesario: dar a coñecer a mellor literatura galega fóra das nosas fronteiras. A idea deste proxecto -supoño eu- partiu de Jonathan Dunne, excelente tradutor e responsábel da recentemente editada Anthology of Galician Literature. (1196-1981), unha obra que, en edición bilingüe inglés-galego, presenta textos de 40 autores, dende Mendiño a Novoneyra, traducidos por 22 especialistas e escolmados por críticos literarios e profesores de dentro e fóra de Galicia. A literatura galega no seu conxunto, dende a época medieval até finais do século XX, constitúe, na miña opinión, unha das máis grandes achegas que o noso país lle fixo e lle fai ao mundo, utilizando para iso un idioma labrado na historia e no tempo; un auténtico tesouro de creación artística, en definitiva, que nos identifica e nos fai recoñecíbeis en todo o planeta. Na Antoloxía de Jonathan Dunne contémplanse 8 séculos de expresión literaria galega en todos os xéneros, incluídos o ensaio e o teatro, o que dá idea dese gran río literario que a nosa palabra foi quen de fixar século tras século, xeración tras xeración, aínda coa historia en contra e padecendo todo tipo de atrancos. Ao parecer, esta Anthology of Galician Literature -así o temos lido nalgunhas informacións de prensa- vai ser enviada a centros de estudos galegos, lusos e hispánicos, así como a axentes literarios e editoriais de todo o mundo. Perfecto. É un paso máis. O mellor da literatura galega, as súas obras e os seus autores máis senlleiros, debe ser visibilizado polo mundo adiante. A este paso deben seguir outros. Ben definidos e xestionados. Velaí o traballo, por exemplo, realizado polo profesor Javier Gómez-Montero na Universidade de Kiel, através do Taller de Traducción Literaria creado por el mesmo nesa universidade alemá. Acaban de editar un novo título: Ein rosenfeuer, das uns verstört. 4 dichter aus galicien. Que conste.

Ningún comentario:

Publicar un comentario