A miña páxina favorita é a da SXPL. Isto é así porque non me gustan as cousas normais, prefiro o friki, o raro e estrambótico. Se hai algo que caracteriza desde hai xa algún tempo aos comunicados da SXPL é o cinismo. Din unha cousa e actúan en sentido contrario. Pasa algo, e eles intoxican a información de forma que se os lemos, entendemos que o sucedido foi xustamente contrario ao real.
Aquí fago unha valoración, non exhaustiva, da política lingüística levada a cabo por este noso goberno galego durante o primeiro trimestre do ano. Eu parto do feito certo de que Anxo Lorenzo, o secretario xeral, sabe realmente al é a situación social da lingua galega. Só un aviso, se alguén pensa que eu son pesado e reiterativo, que mire antes os comunicados da SXPL.
O 18/11/2009 Anxo Lorenzo comentaba en Ecolingua que “Consenso é, ao meu ver –dixo o responsable de Política Lingüística–, que logremos compartir unha valoración común do que representa a lingua galega na nosa sociedade e unhas pautas básicas que garantan unha axeitada acollida das medidas en materia de lingua”.
Porén o que promocionou desde ese día foi o desacordo unilateral . Puxo de acordo a todos contra el: sindicatos, pais, alumnos, a RAG, o CCG, asociacións culturais de toda índole, asociacións profesionais, a Mesa Sectorial de Educación, o Consello Consultivo, todos se manifestaron en contra das Bases, despois en contra do Proxecto e finalmente en contra do decreto. Consenso?
Desde esta perspectiva do consenso, Anxo Lorenzo fixo unha reflexión sobre a construción da política lingüística en Galicia nos últimos trinta anos, incidindo na Lei de normalización lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, na que destacou que “non é fácil atopar momentos de doada concordia política nos asuntos de lingua”.
O secretario xeral fixo fincapé no deber das forzas sociais e políticas de actuar con “responsabilidade”.
tamén incidiu na importancia de que a lingua propia de Galicia sexa percibida como un elemento útil para os galegos e as galegas, como sociedade e como individuos, e de "reforzar o seu valor para a cohesión social"
En troques aprobou un decreto que vai contra o Plan Xeral e a Lei de Normalización, que saíron de dous momentos difíciles pero de concordia. Anxo Lorenzo actuou con irresponsabilidade e a conclusión final de todo o proceso é que a política lingüística vai na dirección de facernos ver que a lingua galega é un elemento prescindible e conseguiuse un enfrentamento social usando como cuña conflito lingüístico.
O texto presentado polo Goberno galego [as Bases] construíuse tendo en conta a opinión das familias expresada na consulta do pasado mes de xuño e someterase a partir do mes que vén a un proceso de escoita e diálogo coas principais forzas sociais e políticas co fin de lograr o maior consenso posible na súa redacción definitiva.
A constulta sobre a que se di que se contruíron as Bases foi completamente fraudulenta e falta de control científico mínimo, cometendo todos os erros que unha recollida de datos seria di que hai que evitar. Para obter dunha enquisa datos innesgados cómpre que a mostra sexa tomada ao chou. Non houbo control ningún na recollida dos datos. Respondía quen lle cadraba, e non o facía aquel ao que non lle chegaban os fraudulentos cuestionarios porque o seu fillo de 3, 4,... ou 17 anos, non lla levara á casa. Unha farsa. A presentación das Bases non foi para escoitar a ninguén, porén serviría para armar un lío social de mil demonios.
Anxo Lorenzo 4/01/2010: “A Consellería de Educación vai poñer sobre a mesa un plan galego de plurilingüismo con recursos económicos suficientes, e sobre todo co compromiso de manter ese esforzo e os orzamentos pertinentes durante os cursos que sexan necesarios”
U-lo o plan? Ata o momento a Consellería de Educación o único que fixo foi recortar presupostos, aumentar ratios, eliminar as liñas de galego en infantil, eliminar as seccións bilingües,... En troques gastáronse cartos a esgalla no cuestionario fraudulento de xuño do 2009, e gastaranse millóns de euros en tirar ao lixo 190.000 libros por teren o defecto de estar escritos en galego, e gastarase un millón de euros en publicitar o funesto decreto. Curioso, non se gastan cartos en educación, mais si en propaganda do peor corte ideolóxico contra a nosa lingua.
O secretario xeral de Política Lingüística recordou [o 10/01/2010] que o Goberno galego escoitará as observacións das institucións, das forzas sociais e das forzas políticas para tentar que estas bases “se convertan nun texto pechado que concite o máximo consenso posible”
Sei de primeira man que as reunións con varios grupos a respecto das Bases foron só unha disculpa para que o secretario xeral de política lingüística aparecese diante dos medios como cordial e dialogante. Eses encontros consistiron normalmente en que o representante do sindicato ou da asociación daba conta de toda unha lista de reproches a respecto das Bases, sen que pola outra parte houbese diálogo ou resposta ningunha. Polo que, o sr. Lorenzo non dialogou, pechouse.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia [o 11/01/2010] a convocatoria de axudas para os proxectos de fomento do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia.
No entanto a convocatoria nunca se fixera tan tarde, no mes de xaneiro, tres meses despois de que comenzara o curso para o que se facía. Tampouco anunciaron que se faría unha redución do 20%.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) veñen de convocar 33 cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior co fin de fomentar a competencia do funcionariado en lingua galega. [14/01/2010]
Mais, para que? Se acababan de eliminar a proba de galego nas oposicións á Administración Pública, incluso con amenazas como a recibida no concello de Vigo por seguiren a facer convocatorias de oposicións nas que incluían como requisito o coñecemento do galego.
a Secretaría Xeral de Política Lingüística porá en marcha este ano a primeira Rede de dinamización lingüística local, que ten como obxectivos prioritarios estender o ámbito territorial da normalización, [15/01/2010]
De momento a Rede de dinaminación lingüística local resúmese na redución de presuposto para a normalización na administración local, así como a denegación preventiva de axudas aos concellos máis pequenos. E nada máis.
A Xunta de Galicia comparte o interese da RAG en promocionar e fomentar o galego no ámbito educativo, un obxectivo que se enmarca dentro dun modelo de conxunción da linguas no que se garanta o equilibrio entre os dous idiomas oficiais de Galicia.[18/01/2010]
Esta foi toda a resposta da SXPL ao demoledor ditame da RAG sobre as Bases do decreto. O menos que dicía a RAG é que había de esnaquizalo e volver os pasos sobre o PXNL. Por suposto que ningunha das recomendacións da RAG foi seguida pola SXPL nos meses seguintes. O diálogo entre as dúas institucións foi tan fluído que o máis probable é que se vexan nos xulgados co tema do decreto de por medio. A RAG defendendo o galego, e a SXPL atacándoo.
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, inaugurou hoxe as Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, dirixidas ao profesorado implicado na elaboración dos proxectos gañadores destes premios. Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo incidiu na importancia de poñer en marcha estratexias de dinamización lingüística a través das que fomentar o uso do galego no sistema educativo. [30/01/2010]
Non din nada sobre os reproches recibidos nestas Xornadas que despois veríamos en vídeo. Fomentando o uso do galego no sistema educativo reducindo o seu uso, é este o camiño?
O Proxecto Toromelos constitúe unha iniciativa de promoción da creación dramática e teatral, así como de posta en valor da lectura e da literatura dramática e do teatro infantil e xuvenil en lingua galega. Segundo Anxo Lorenzo “Política Lingüística segue a impulsar a extensión e a visibilización do galego en todos os ámbitos sociais, achegándoo á infancia e á mocidade a través do fascinante mundo do teatro” [2/03/2010]
Tanto impulsa Política Lingüística o galego na infancia, que promove unha pregunta-trampa nas aulas de infantil para que os pais, moitos deles cargados de prexuízos lingüísticos, responda sobre cal é a lingua materna do neno para, por maioría, impoñer a lingua da aula nos vindeiros 4 anos. Canto vai contribuir esta medida á extensión e visibilización do galego na infancia? Que contribúe máis á normalización, a axuda ao proxecto Toromelos, ou a eliminación da pregunta-trampa?
O fomento da competencia en galego por parte da sociedade, o desenvolvemento da investigación sobre esta lingua, a súa dinamización social e a proxección exterior do idioma propio de Galicia fóra das fronteiras administrativas da comunidade foron as principais liñas de actuación da secretaría xeral...Boa parte das actuacións desenvolvidas nestas direccións durante o pasado ano, e que supuxeron o desenvolvemento de máis de 100 medidas do PXNLG, quedan recollidas na Memoria 2009 que vén de presentar publicamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. [10/03/2010]
Tanto respeta a SXPL o Plan Xeral de Normalización, que incluso elimina a palabra Normalización da nova lexislación que está a crear. O secretario sabe que hai un informe do Consello da Cultura Galega que informa de que, estando vixente o decreto do 2007, a presenza do galego no ensino non universitario rondaba o 35%. O secretario sabe que o Plan Xeral ditamina que polo menos debemos establecer en galego o 50% das materias en galego, e que se deben manter as que xa se impartían entre as que temos que contar a de Matemáticas. No entanto o funesto decreto 79/2010 vai en contra de todas estas directrices do Plan Xeral, e moitas máis. De seguro que sí hai máis de 100 medidas do PXNLG contra os que está actuando esta SXPL.
“O labor da Secretaría Xeral de Política Lingüística na xestión e posta en práctica de todas as súas liñas de actuación parte da procura do consenso e da máxima aceptación social”, dixo Anxo Lorenzo nas II Xeiras sobre a Lingua organizadas pola Universidade de Vigo. [12/03/2010]
Outra vez o consenso. Debe ter razón o secretario, se da aceptación social restamos ao alumnado, ao 90% da representación sindical na Mesa Sectorial, ao PSdeG, ao BNG, a AGAPEMA, a APETEGA, a ENCIGA, á Mesa pola Normalización e ás outras 700 asociacións adeheridas á plataforma Queremos Galego, a moitos concellos que aprobaron resolucións en contra da produción decretal de Política Lingüística, aos milleiros de manifestantes das últimas catro grandes manifestacións a prol da lingua, ás ANPAS, á RAG, ao Consello da Cultura, aos xuices e avogados que firmaron un infome en contra das Bases, ao Consello Consultivo.... E todo isto para que? Para evitar problemas aos pais na matrícula, para a mellora da calidade educativa, para pagar por libros en castelán cando estaban en perfecto estado de uso os mesmos libros en galego?
O decreto, segundo Anxo Lorenzo “responde ao sentir maioritario da sociedade, que quere que as dúas linguas oficiais estean presentes dun xeito equilibrado no sistema educativo, que promovamos o galego e que ao mesmo tempo propoñamos os elementos necesarios para resolver a cuestión da aprendizaxe dunha ou de varias linguas estranxeiras”. [21/03/2010]
O equilibrio. U-lo o equilibrio na xustiza cun 3,5% de sentenzas en galego? U-lo o equilibrio no comercio? U-lo o equilibrio na universiade, cando a máis galeguizada, a USC, como moito chega a un 20% de aulas en galego? U-lo o equilibrio na televisión, cando se só falamos de canles en aberto hai unha desproporción de 28 en español contra 2 en galego? U-lo o equilibrio no medios en xeral, cando os periódicos máis vendidos en Galicia non chegan a ter un 4% de palabras en galego? U-lo o equilibrio na sanidade, cando nin tan siquera os informes estandarizados aos pacientes nos hospitais públicos, están en galego? U-lo, en fin, o equilibrio no ensino non universitario, cando nunca se chegou a acadar nin con decretos favorables á lingua galega, nin un 40% de galeguización? E todo isto sábeo o señor Anxo Lorenzo, o equilibrista.
O departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a apoiar a UNED para impulsar o recoñecemento do galego no marco da realidade plurilingüe do Estado español a través da oferta docente desta lingua por parte da universidade. [23/03/2010]
Que alguén probe a usar o galego nalgún curso da UNED. Houbo un de Cangas, un tal Heitor Mera que o intentou, e tardou sete anos en que admitiran a súa tese sobre Bernardino Graña, e menos mal que conseguiu a intervención dunha ministra do goberno central, pois de non ser así, Bernardino Graña tería que agardar máis por esa tese que polo seu ingreso na RAG.
O responsable de Política Lingüística incidiu na Cámara galega nos principios fundamentais do proxecto de decreto, que garanten, ademais da competencia plena e semellante nas dúas linguas oficiais de Galicia, o equilibrio cualitativo e cuantitativo entre galego e castelán, a competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s) e o fomento do galego. Uns principios fundamentais que, segundo defendeu Anxo Lorenzo, “permiten visualizar un punto de encontro que restableza o consenso social arredor do tema da lingua”. [25/03/2010]
E que o decreto do 2007 non garantía unha competencia semellante entre galego e castelán? Pois non, con ese decreto había unha parte moi importante de alumnos que ao rematar a secundaria eran verdadeiros analfabetos en galego. Son rapaces de contextos fortemente castelanizados e que tiñan un contancto co galego só pola vía de moi poucas horas de clase nesa lingua. O remedio a este mal será reducir aínda máis a presenza do galego no ensino, para incrementar aínda máis este analfabetismo.
o secretario xeral animou a “manter na vangarda do sector editorial o libro galego e tamén, polo tanto, a lingua propia de Galicia; un idioma válido para os usos máis formalizados e que serve de ferramenta e instrumento eficacísimo para o uso das tecnoloxías da información e da comunicación”.[26/03/2010]
Tanto interese hai na SXPL pola edición en galego que o que fan é tirar ao lixo 190.000 libros de texto en galego, para promover a edición en castelán. E para promover o uso das tecnoloxías da información e da comunicación desmantelan o pouco que tiñamos en Galicia nese ámbito ata o momento,
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación Provincial de Pontevedra restablecerán un convenio de colaboración para levar adiante un labor conxunto de promoción do galego [29/03/2010]
A mellor resposta a esta nova está no artigo de Iván Méndez López no que explica con moitos datos, que a política lingüística no que atinxe a concellos e deputacións parte da lóxica clientelar e partidista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario