Eu gosto moito de darlle voltas ás cousas das que non sei. Por exemplo, ando moi confundido con iso do bilingüismo. Non dou achado o seu verdadeiro significado, mais se é galiña, a min chéirame a can. Un primeiro pensamento indúcenos a cre que bilingüismo consiste nun reparto equilibrado entre dúas linguas, no noso caso, entre galego e castelán. En troca isto nunca é así. Cando hoxe, calquera, fala de bilingüismo estase a referir a unha presenza absoluta do español, en todos os ámbitos e por todas partes. Para xustificar iso de bi, de que hai dúas, de cando en vez, nalgún aspecto normalmente secundario, permítse a presenza pública do galego, pero, iso si, sempre acompañado do seu irmán maior, do importante, do que verdadeiramente comunica, do español.
Eu non sigo de cerca a política municipal viguesa, só moi de raro en raro vexo algo na prensa ou escoito falar a Abel Caballero, por certo, sempre en castelán. A cousa vén a conto dunha noticia que acabo de ler no Xornal: "La nueva red de semáforos de Vigo se apunta al bilingüismo". Xa estou oíndo os novos semáforos de Vigo:
Pueden pasar, Gran Vía-Venezuela, poden pasar, GranVía-Venezuela
Pueden pasar, Gran Vía-Ecuador, poden pasar, Gran Vía-Ecuador....
Claro que tamén haberá casos menos comprensibles para un de fóra, sobre todo para un monolingüe en castelán, pois, nunca esquenzamos isto, do que se trata é de que se pasa por Vigo alguén de Zaragoza, sobre todo un invidente, non sexa que se despiste por non escoitar a primeira parte da mensase:
Pueden pasar, Porta do Sol, poden pasar, Puerta del Sol
Pueden pasar, República Argentina, poden pasar, República Arxentina.
Pode ser que o alcalde de Vigo teña fortes prexuízos contra o galego, hai indicios para pensalo. Pero non desconfiemos de principio, algunha razón haberá para facer algo así cos semáforos. Se facemos caso do artigo do Xornal, as palabras do rexidor para dar conta destes feitos tan estraños foron que esta nova rede de semáforos teñen “un efecto orientador para turistas e persoas que descoñezan a cidade”. Pois por aquí imos mal, sr. Caballero, esta frase soa a minusvaloración do galego. Pero continúan as declaracións, “é conveniente para indixentes” (sic), e aquí si que se salva o alcalde vigués, el non ten prexuízos a respecto da lingua, os seus prexuízos teñen como obxecto os indixentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario