Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 11 de xullo de 2010

O futuro do Panteón de Galegos Ilustres

 Eu teño moita querencia pola miña última morada antes da resurreción, por iso nunca deixo de poñer todas as novas a respecto dela que atopo pola rede.
por Francisco Rodríguez, político, publicado no blog de Francisco Rodríguez:
Como algo intranscendente pasou a nova de que o Panteón de Galegos Ilustres estará cerrado ao público indefinidamente. Máis silandeiro foi aínda o cambio de titularidade de San Domingos de Bonaval, pasando de ser un ben inmóbel municipal, desde hai xa máis de século e medio, a selo da Igrexa Católica, após un proceso xudicial de reclamación da propiedade tan descarado como favorecido polo desleixo, a incuria e a torpeza, se non a conivencia, dos servizos xurídicos e mesmo do responsábel político da cuestión no goberno municipal de Santiago. A displicencia con que se impide o acceso público revela o trato que merecen os nosos símbolos políticos e culturais máis significativos, o noso patrimonio histórico e artístico, non só ao Arcebispado de Compostela, senón tamén á Xunta de Galicia. É unha consecuencia e causa do escasa estima que temos co noso. Só unha ignorancia e un desprezo cultivados a mantenta poden explicar tal comportamento e tanta impunidade. Polo demais, todo parece un corolario lóxico da forma en que o Panteón de Galegos Ilustres, e con el San Domingos de Bonaval, estivo inserido na visión do conxunto da cidade e na forma de mostrala, itinerarios turísticos incluídos: a marxinación que desemboca na anulación. O resultado, escasos os visitantes e ignorancia e inconsciencia sobre o valor e a importancia das persoas alí soterradas…
A gravidade do cambio de titularidade irémola comprobando co tempo, botándonos as mans á cabeza, como adoita acostumar no noso país, perante feitos consumados. Acharemos que, de súpeto, o Panteón, con todo o seu valor simbólico, histórico, emocional e político, está en poder da Igrexa Católica. Ironía e paradoxo: algúns destes símbolos están alí, malia a oposición dela e coa súa pauliña, o caso de Rosalía, e malia representaren prácticas e concepcións, en todas as ordes, antitéticas coas do catolicismo, o caso rosaliano e o de Castelao. Entraron alí, sendo unha propiedade pública, por vontade do pobo galego. Nunca imaxinaron eles nen os que quixeron honralos, trasladando e depositando os seus restos a un Panteón, expresamente concibido para esta finalidade, que poderían ser reféns do poder eclesiástico. Como vai ser a Igrexa Católica gardián destes restos humanos, tratalos con gratitude e darlles amparo, e mostralos con dignidade e orgullo, cando se caracteriza pola nula identificación, cando non aberta hostilidade, co que eles simbolizan? Vai dialogar e comprender, respeitar e aceitar, as demandas lexítimas dos sectores sociais que máis se identifican cos alí soterrados, verbo da necesidade de abrir ao público o Panteón e mantelo á marxe da confesionalidade relixiosa explícita?
En todo caso, cómpre non permanecer inermes e queixosos. Ergamos a oportuna e constante reivindicación con obxectivos claros:1) lograr a apertura ao público en horarios de mañá e tarde por conta da administración; 2) reclamar a aconfesionalidade para o espazo do Panteón, así como a xestión pública do mesmo; 3) en caso de oposición por parte da Igrexa, esixir da Xunta o inicio das xestións para reubicar o Panteón nun espazo digno de propiedade pública ou, se for posíbel, reclamar legalmente, tendo en conta os antecedentes e as circunstancias que concorren no caso, a titularidade parcial ou total de San Domingos de Bonaval. De non sermos constantes e contundentes, coa participación social necesaria, non só corremos o risco dunha apropiación indebida, de forma tan devaluada como manipuladora e marxinadora, senón a anulación e o esquecemento, coas consabidas pingas de censura e prohibición por conta dos carcereiros. Consentiremos que fiquen unha parte esencial dos nosos símbolos nacionais, dos nosos esforzos por sermos e existir como pobo, nunha prisión de indiferenza e hostil anulación?
Foi unha boa nova saber que para o día 15 de xullo, 125 anos da morte de Rosalía, ten convocada a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa axuda de moitas máis organizacións sociais e culturais, unha marcha reivindicativa desde Adina a San Domingos de Bonaval, para esixir que o Panteón sexa aberto ao público. Teremos ocasión tamén de coñecer, repetindo a cerimonia daquel 25 de maio de 1891, como e en que circunstancias, con que apoios e con que boicots, se fixo o traslado de restos mortais de Rosalía a San Domingos de Bonaval. Participemos con entusiasmo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario