Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 12 de xullo de 2010

“A situación da lingua non se mellora con galiciasbilingües nin con mesas dogmáticas”

Manuel Vidal Villaverde entrevista a Miguel Suárez Abel no Galicia Hoxe. Eu collín só un anaco, para ver a entrevista completa, premer na ligazón.
Miguel Suárez Abel nace en San Estevo do Campo (Arzúa, A Coruña) no ano 1952. Licenciado en Psicoloxía, exerce como profesor de Ensino Secundario no Instituto Luís Seoane de Pontevedra. Colaborador de radio e prensa ( na actualidade en El Correo Gallego, Diario de Pontevedra e El Progreso), deuse a coñecer como escritor a primeiros dos anos oitenta cando o premiaron no concurso Modesto R. Figueiredo por tres relatos curtos : O fillo do Serafín  (Accésit no 1981), O Quiquiriquí  (primeiro premio no 1982) e  A alemana ( finalista 1986). Gañar o Premio Blanco Amor coa novela Turbo (1988) resultou un paso significativo na súa evolución. Posteriormente publicou Álvaro Pino (1989), Sabor a ti (finalista do Premio Xerais en 1991), Selva Negra (1993) e participou con relatos en libros colectivos como Contos do Castromil (1992), Unha liña no ceo (1996), Novo do trinque (1997), Contos dende a arquitectura (Colexio de Arquitectos de Pontevedra, 2003). No ano 2001 recibe o Premio Nacional de Periodismo Julio Camba.  No 2002 gaña o Premio de Novela por entregas de La Voz de Galicia por  O repenique de Beatriz Goldar (Ir indo, 2003). E no ano 2007 recibe o Premio Periodístico Puro Cora.

A lingua galega Miguel, a nosa lingua nacional, atravesa ao meu ver e ao de moitos  compañeiros e compañeiras por unha situación, se non dramática, si preocupante. O  goberno desta Xunta con seu novo Decreto, é un disparate máis que un despropósito propio da estolidez e/ou ignorancia que eles/elas pretenden facer valer e vendelo como o mellor posíbel para un idioma, unha cultura, e por enriba unha nación negada polo nacionalismo hexemonónico español. Unha leve ollada a esta realidade cruel e abourante é claramente indicadora deste lingüicidio, desta inmersión de sometemento e subsidiariedade do galego ao castelán, por múltiplas vías que están á vista dos  que non sexan cego ou xordos de conveniencia, dos que pretenden, digo, perpetuar a diglosia e ferir de morte o idioma que lle é propio e natural a Galicia, pois a percepción do bilingüismo no mesmo sentido como moitos e moitas pretenden no máis que unha falacia ou falsidade do colonizador, e por que non multialienado? Cal é Miguel, xa que logo, a túa reflexión diante destoutra miña, a con respecto desta non curta pregunta?
Creo que  é tan esaxerado ver perseguidores do español en Galicia como culpar de todos os males do galego un decreto aprobado durante  un ano de goberno, por malo que este puidese ser. A maior dificultade do noso idioma pasa polo escaso prestixio social e, como consecuencia, porque os nosos fillos non o falan, especialmente nas cidades. Ter unha miga de autocrítica por parte dos que nos dicimos defensores do galego, non viría mal. Os apóstolos ás veces equivócanse co estilo de apostolado. Despois de tantos anos de democracia e de recursos (sei que nunca son suficientes, pero compárense con tempos pasados) para favorecer o galego, algo non se debeu facer ben cando avanzamos tan pouco.  Eu,  dende os dezasete anos, dedícome humildemente a facer o que sei: escribir en galego sen complexos nin culpas, sen obsesións nin ansiedades. E a novela que acabo de publicar , ‘Nunca te vin chorar’, tamén está en galego. Non creo que cos estilos que adoptan mesas dogmáticas e galiciasbilingües se mellore a situación do idioma.

De aí a idiota convención dos estultos/as na que o galego non é válido para as matematemáticas, física, quimica, etc. Non dán razón se non é a propia da fondura da súa ignorancia e mesmo animadversión cara á nosa lingua máis alá do vehicular reducido a determinadas materias ou disciplinas, que a ningún sociolingüista, lingüista ou filólogo que se teña por tal lle couber no xuízo semellante disparate. Concordas con esta miña exposición, Miguel?
O galego serve para comunicar calquera emoción, sentimento ou invetigación científica. O caso é que a sociedade queira e lle compense facelo nese idioma. Polo que se ve, a unha gran parte dos galegos cústalles entender iso. A clave está en seducir e dar argumentos que convenzan ese sector máis reacio á conveniencia e satisfacción por usar a propia lingua. Non parece que deramos aínda con bos métodos de sedución. Dende logo algúns dos utilizados até o de agora está comprobado que son máis perxudiciais ca beneficiosos.

Xa sei que falar de discriminación, sexa positiva ou negativa o simple feito de enunciar o vocábulo produce un certo proído, pero no caso concreto e dadas as circunstancias históricas da nosa lingua, non sería o máis normal unha “discriminación posi tiva” a favor do idioma galego con respecto ao castelán?
Eu sempre estou de parte da defensa dos máis débiles, dos máis necesitados e indefensos. Wilson Valderrama, o protagonista de ‘Nunca te vin chorar’, é precisamente un defensor dos débiles. O que pasa é que non sempre abonda coa boa vontade. Só con repetir e obcecarse con que se está de parte dos necesitados non se lles está necesariamente axudando. Se cadra co galego pasa o mesmo. Sen dúbida é a lingua menos favorecida, a que precisa de máis axuda, pero parece que non demos coa clave para que as novas xeracións se sintan a gusto e orgullosas de utilizala. Insisto: a clave é o método para que, cando menos o 50% da poboación(que non deberiamos caer na trampa de tratar de estúpida nin con baixa estima, sabido é que gran parte dela é ilustrada e vive nas cidades), non acaba de ver as vantaxes de utilizar o galego. Aí radica o problema.

Non é o autoodio unha realidade magoante e fomentada polo polos que padecen esta “patoloxía”?
Non apreciarse e non estar satisfeito co que un é claro que pode acabar en patoloxía. Non sería eu  categórico, porén, afirmando que os galegos nos odiemos máis ou menos ca outros cidadáns europeos. Haberá galegos que si e outros que non tanto, e tampouco creo que estean todos dun lado. Hai recursos conceptuais que se poden volver inútiles á hora de explicar a realidade. Na miña novela, unha das protagonistas non se quere moito a si mesma e é colombiana. Outra quérese máis e resulta que naceu en Curtis.

Tes algunha dúbida ao respecto de Galicia-nación, soberana e independente, solidaria cos demais pobos que hoxe en día conforma o Estado español?

Considero que o Estado debe resolver dunha vez o problema territorial. Non se pode vivir  dubidando da identidade nin suspirando por querer ser nación. Un personaxe da última novela de Grossman di nun momento, referíndose a Israel, que lle gustaría vivir nun país que non estivese  permanentemente
desexando existir, coa necesidade de demostrar o seu sentido. Talvez en España chegou a hora de formular de maneira sensata e serena un estado federal como maneira de acabar con certas deslealdades, chantaxes e vitimismos que a nada conducen. E, por outra banda, pechar ese complexo de nacionalismo español sen identidade, nunha adolescencia perpetua, que o mantén irritado e inseguro. Se a pregunta agochase  se considero urxente e importante a independencia de Galicia, a resposta é claramente non.

Democracia e monarquía “parlamentar” é conxuga difícil de compreder, porque cabo de todo a unha é antagónica da outra?
Ao longo da historia ten habido antagonismos máis complexos que se puideron conxugar. Xa sabemos que a historia muda en función de intereses variados. Se cadra neste momento non é unha conxugación tan imposible, o que non impide que co dinamismo propio dos tempos non se poida decidir anular tal
conxugación.

A liberdade é un soño imposíbel ou unha hipérbole ou metáfora atoldada do imaxinario individual e mesmo colectivo?
Asunto filosófico de difícil resposta para un sinxelo escribidor coma min. Corremos detrás da liberdade, pero talvez existen factores de azar e necesidade que impiden que a poidamos gozar en plenitude. De calquera maneira, estamos condenados a perseguila e bendita condena.

Os camiños que abrimos para procurar esa liberdade son os correctos… Non é a  liberdade unha conquista máis que unha condictio que pode ou non conceder a insaciábel voracidade do poder capitalista?
Nada nos é regalado, como ata admiten, cada vez con maior furor, os máis desinhibidos capitalistas. A liberdade tampouco. Calquera satisfacción, mellora ou realización, xa individual, xa colectiva, ha pasar, dende o meu punto de vista, polo atrevemento, o esforzo e a ledicia da conquista.

Debe ou no debe ter a literatura un certo compromiso coa exposición anterior, ou debe constituír unha mestura de paramento e leve diversión que a min me parece alienante para as persoas?
A literatura ten dabondo con nos facer a vida máis levadeira. Con descubrirnos aspectos que prefeririamos manter agochados. Con facernos ver  aquilo que mantiñamos oculto na vergoña íntima, na sospeita de que eramos os únicos, de que ninguén máis vía o que un ve. A literatura axúdanos a estar menos sós, a compartir, a vernos naquel curruncho que parecía impenetrable; escaravella no miolo de nós mesmos para nos espertar, consolar e poñer no lugar dos demais. Talvez a literatura, como dicía Faulkner, non é máis ca un misto que se acende nun campo escuro sen servir para iluminar nada, senón para que simplemente vexamos a enorme escuridade que hai derredor. Pero hai que vela.

A literatura galega actual goza de boa saúde e mesmo vive algo máis que unha etapa de esplendor que irá a máis?
Coma calquera outra. Está bastante en función de que toque a frauta e algo se converta en supervendas. Como dicía Verdú no hai moito nun artigo, a clase media literaria está morta: ou vendes ou non tes sentido. Pois en Galicia  máis ou menos igual. O que pasa é que, para que salte algún best-seller, hai que probar, e aí, nesa proba, resistimos a clase media baixa , á espera de que toque a frauta por casualidade. Cando toca e o porqué non o sabe ninguén, de sabelo habería éxitos cada catro días.

Coa poesía, o ensaio e o teatro que tal te levas?
Moi ben. A cada paso, mellor. Sobre todo coa poesía e o ensaio. A poesía para paladear aos poucos e en dose moi xusta. O ensaio porque se non forzamos a cabeza na análise fina e argumentada, mal se pode ver con perspectiva crítica e minimamente razoable a realidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario