Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 12 de xullo de 2010

Pulpo contra polbo

Tamén podería titularse: "GADIS contra Eroski" ou "Pañais contra cueiros"
O  lema da campaña de GADIS, Vivamos como galegos, foi moi celebrado. Chamaba a atención porque tiraba do orgullo de sermos galegos, e non é para nada frecuente que unha empresa faga tal cousa.
A campaña tiña tamén a ventaxa de ser publicitada en galego, segundo punto de rareza. Isto facía que nos fixáramos máis nela. Parecía todo un exemplo de normalización levado ao eido empresarial, mais había cousas que renxían. Cando eu entraba no supermercado desta cadea que está a uns pasos da miña casa non observaba ese esforzo normalizador, a cartelería, os nomes dos produtos, estaban todos en español. Non sucedía o mesmo con Eroski.
Eu son da idea de que pode facer moito máis un uso cotián do galego por parte de determinadas persoas ou empresas que toda unha custosa campaña da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A razón está en que a Secretaría xa está para iso, e por esta razón estamos vacinados contra as súas mensaxes, porén Eroski ten como fin principal facer  negocio, e que o faga en galego non só é un valor engadido para a empresa, tamén o é para a nosa lingua. Nesta mesma liña a SXPL tamén está tendo éxito na súa campaña contra o galego pois tamén o tería un pediatra que se adicara a matar nenos.
Cada vez que falo de Eroski véñenme á memoria os tempos en que tendo o meu fillo só uns meses eu debía comprarlle a cada pouco unha caixa de pañais, pois era así como eu dos denominaba. Case sempre o facía no supermercado que teño máis próximo á miña casa, que como xa dixen era un de GADIS. Mais dunha vez din en ir a outro, precisamente da cadea Eroski, e buscando polos pañais dirixinme cara o indicador que poñía: celulosas e cueiros. Entón dixen para min: se estes vascos lle chaman cueiros, eu estou facendo o parvo chamándolle pañais. Eroski fixera en min moito máis que a custosa campaña E logo! desenvolvida pola Xunta de Galicia.
E digo eu: se os vascos lle chaman polbo, que fan eses que din estaren orgullosos de vivir como galegos chamándolle pulpo?
Anuncio aparecido hoxe na primeira páxina de La Voz de Galicia (de Galicia?)

Ningún comentario:

Publicar un comentario