por Miguel Anxo Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
Cando o idioma galego comeza a vivir o seu tristeiro solpor entre nós, o seu demorado e patético camiño cara á desaparición -se é que non se inverte o escuro proceso actual, claro é-, ao mesmo tempo florece amplo, pleno, limpísimo e musical en América, nese gran país-continente que é o Brasil de hoxe. O profesor brasileiro J. C. Barreto Rocha, da Universidade de Rondônia, nun ensaio titulado O Brasil fala a língua galega, ao que xa temos aludido máis veces, reflexionou con acerto sobre as raíces galegas do portugués -o idioma portugués é "fillo lingüístico" do galego- e deixou establecido que, por puro respecto á historia, "deve ser desvelado, com todas as letras, que, na realidade, os portugueses levaram consigo (a América, enténdese) não um idioma próprio, mas a lingua galega, o idioma que primitivamente era dos habitantes do Norte da Península, que ficavam para trás, esmagados pela histórica pressão castelhana, que "domou e castrou" os verdadeiros "pais da língua", os quais falam o galego até nossos dias". E engade, aínda, o doutor e lingüísta brasileiro por se non ficar claro: "O idioma portugués é verdadeiramente a lingua galega que foi ligeiramente modificada, e não o contrário". Xulguen vostedes. Mais o certo é que o galego de Portugal, o portugués, a partir do ano 1532, comezou a ser utilizado no Brasil, impóndose sobre as linguas autóctonas do territorio "descuberto" e conquistado, particularmente cando o Marqués de Pombal institúe o portugués no ano 1758 como idioma oficial do Brasil. Esa é a historia. O castelán impúxose nos diversos países americanos que, con pequenas variantes, o falan hoxe de norte a sul, e o galego (galego-portugués) prendeu, tamén imposto -así son as cousas-, no Brasil. Aquí, no territorio propio (berce) do galego, o 65% dos nenos entre 5 e 14 anos xa só se comunica en castelán (IGE) e, mentres, o galego de América, o portugués brasileiro, é falado por máis de 190 millóns de persoas. Cando aquí os etnocidas acaben co idioma, este seguirá cantando no Brasil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario