por Nel Vidal no Praza Pública:
Este texto podería entrar no exame de Lingua Galega e Literatura das PAU. Reúne todos os requisitos, tamén os non explicitados: fala sobre lingua e está escrito por un home.
E é que esas dúas condicións son as cumpridas este ano por catro de catro. E con isto Ses podería complementar a súa marabillosa canción “De catro a catro” baseada no poemario do mesmo nome de Manuel Antonio con algo así como: “catro artigos das PAU falando de lingua e catro homes escollidos para iso”.
Porque o primeiro texto do exame das PAU, sobre o que se fan actividades de comunicación, e do que adoitan partir outras de reflexión sobre a lingua, pode falar de calquera cousa. Si, podería falar de deporte, de manipulación informativa, de intelixencia artificial, do xenocidio en Gaza, de videoxogos ou de conceptos tan pouco neutrais como a “neutralidade ideolóxica”. E si, como pode tratar de calquera cousa, tamén podería ser de lingua. Mais, onde está o problema: pois que sumando os tres modelos máis o exame real, temos como resultado catro textos que falan sobre o propio idioma. E cero que tratan calquera dos outros centos de temas que poderían tratar. Lingua 4 resto de temas 0. 4-0.
E abonda unha simple ollada ás probas das outras linguas para decatármonos de que o problema da endogamia temática é exclusivo da nosa. Na proba de castelán falaron do drama de ter que arriscar a vida para chegar de África a Europa, na de inglés da habilidade de mentir, na de portugués de agricultura familiar, na de francés dun filme de Hollywood e nas de italiano e alemán de cambio climático.
Iso nos exames reais, mais se lles botamos un ollo tamén aos modelos veremos temas como a obesidade, o Erasmus e o transporte ecolóxico, a intelixencia artificial, o eco-feminismo ou o atletismo e a acollida.
Para Lingua Galega fixéronse tres modelos: un cun artigo sobre a celebración das Letras Galegas, outro sobre terminoloxía e un terceiro sobre acento galego e prexuízos lingüísticos. E o exame real cun texto sobre a lingua estándar. Tres exemplos e mais un exame, igual a catro textos metalingüísticos, que falan sobre cousas relacionadas co propio idioma.
E, alén diso, eses catro textos foron escritos por homes. Todos. Ah, e que conste que nada teño en contra deles nin dos seus artigos, eh, que algúns parécenme marabillosos e a relación que teño con eses homes tamén é óptima! E se cadra ata Fernando, Antón, Xusto ou Francisco comparten comigo esta visión das cousas.
En definitiva: Para que serve o galego? Que utilidade se está a amosar do idioma con estes exames? Son probas de acceso á universidade. Polo tanto, na parte de lingua deberían servir para avaliar que o alumnado está preparado para poder comunicarse en galego de maneira eficaz e correcta na medicina, no audiovisual, na bioloxía, nas ciencias da educación, no dereito, na economía, na historia ou no que sexa que vaian estudar. E non deberían ser para que o alumnado vexa que o galego serve para falar do propio galego. Deberían transmitir de maneira transversal que a lingua propia é útil para todos os ámbitos e que non é cousa “d@s de galego”.
A ver, realmente non creo que este “erro” sexa algo planificado. Vaia, dubido que haxa premeditación nin aleivosía. Mais, botando man de termos do código penal, quizais poderiamos estar a falar de imprudencia. E entre asasinato e homicidio imprudente, a motivación é moi diferente, mais o resultado da vítima é o mesmo.
Sexa como for, este é outro sintomático PAU nas rodas do galego ao que, como moitas outras cousas que se fan no ensino e na avaliación da lingua, lle deberiamos dar unha boa volta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario