por Xabier Queipo no Nós Diario:
Dende que saíron á luz os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao uso do galego armouse grande alboroto, coma se estivésemos ás portas do Armagedón, ese campo de batalla que se anuncia na Apocalipse, onde poderiamos desaparecer como estirpe diferenciada.
Os datos pódense ler de varias maneiras, algunha delas simplistas, as máis diletantes. A situación é de preocupar, mais o galego non vai desaparecer de aquí a 2040. Atópase nunha encrucillada, que definiría como 'extinción técnica programada', onde son máis os falantes que desaparecen que aqueles que se incorporan ao uso da lingua. O declíneo ten que ver, mormente, coa demografía e a socioloxía, por razóns que resumiría en tres: a) polo desapego á lingua propia da nación, en particular das clases de idade máis novas; b) pola progresiva concentración da poboación nas sete cidades do noso país e c) polo feito de Galiza importar poboación monolingüe (portugués, do Brasil, español das varias cordas americanas, e tamén francés, de varias ex colonias africanas), exportando poboación formada bilingüe. Iso último é un feito demostrado polas mesmas fontes do IGE e, por tanto, non contestábel con consignas.
Eses son varios parámetros que convén analizar. Mais a eses parámetros cómpre sumar na análise outros varios non específicos de Galiza como a transversalidade do voto, e, por tanto de opción lingüística, que xa non é un voto de clase nin de sentimento nacional. Ademais, o concepto de valor de uso das linguas convérteo nun problema internacional. A tendencia xeral vai en detrimento das linguas menos faladas, sexan estas armenio, mapuche, islandés ou galego. Teoricamente, as institucións internacionais (ONU, UE) poden 'funcionar' con varias linguas, mais na práctica as linguas de traballo son dúas, normalmente o francés e o inglés, aínda que nalgunhas organizacións se poida contar tamén o español. Esa é a realidade global, a concentración lingüística. Si, hai respecto polas linguas nacionais, mais estanse impondo as linguas hexemónicas e a hexemonía talvez vaia mudar nas próximas décadas.
Nas discusións que se están levando adiante para acadar (ou non) o denominado 'pacto pola lingua', co obxectivo de pór fin ao declíneo no uso do galego, un dos maiores atrancos é o da inmersión lingüística. Hai quen a considera condición necesaria para seguir falando (caso do BNG), quen non quere nin escoitar falar dela (o PP) e quen olla de esguello sen definir posición (o PSdeG). Estes tres e mais Democracia Ourensana, todos con representación par-
lamentaria, son, por tanto, os elixidos pola cidadanía para negociar ese 'pacto pola lingua', que, considerando a proliferación de liñas vermellas, leva poucas trazas de chegar a bo fin.
Inclusión
Seguindo o dicionario da RAG, 'inmersión' tería como significado único 'Acción e efecto de somerxer ou somerxerse', sen que lle asignen sinónimos. Poderíaselle atribuír o de 'introdución' ou aínda mellor o de 'inclusión', que, á súa vez, son sinónimos de 'inserción'. Calquera estudante de filoloxía galega, xa non digo un profesor, consideraría este salto conceptual 'de inmersión a inserción' pasando por introdución, unha aberración. Mais aquí estou para forzar a gramática coma se fose goma de mascar, e iso até onde dea a imaxinación.
Nunha eventual negociación apostaría por mudar o termo 'inmersión lingüística' polo de 'inserción lingüística', primando a inclusión. Constituiría un sutil movemento das liñas vermellas para introducir entre elas físgoas, ou, se o prefiren, condicións de oportunidade para a confluencia progresiva de posicións.
Moi teórico todo o que dixen até aquí? Pouco radical? Pode ser, éo sen dúbida, pois o que quixera é acadar unha solución, non enquistar un conflito ou profundar nas diferenzas, xa de seu abismais.
A fórmula, por veces complexa, para acadar un acordo consiste en escoitar ás partes, xerar confianza respectando a cada un por igual, compilar as necesidades de cada parte e, xa despois, ir constatando os puntos de confluencia, as cuestións que precisarían dunha cesión de cada unha das partes, tallando se fose preciso o todo, para avanzar en solucións modulares.
Non dubido que este crebacabezas dialéctico é, na fin, unha batalla de poder. E será aí, cando os políticos reciban o informe das varias comisións creadas, cando procuren asesoramento profesional e tomen as decisións con prudencia ou afouteza, quen sabe. Gustaríame que o fixesen, en calquera caso, non traizoando os nenos que foron, os pais que serán, os avós que lles transmitiron unha lingua e un saber estruturado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario