Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 3 de xuño de 2025

Que problema teñen as mates en galego, Valentín?

 por Manuel Dopazo, en ProLingua:

“O problema coa lingua non se soluciona porque as matemáticas se dean en galego”, iso di na actualidade Valentín García, cando en 2009 saía alarmado berrando contra o Decreto que acabou impondo o Partido Popular e que contraviña o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) e a Lei de normalización lingüística (1983). Arrieiriños somos e no camiño nos atoparemos.

 

Eu estou de acordo en que as matemáticas en galego non son a solución. Abofé que non. Mais é unha navallada máis no lombo dunha lingua que xa abafa de aldraxes. E insiste en que “a inmersión lingüística non é a saída nin o que a xente quere”. A inmersión lingüística é, de facto, o modelo que segue a cativada na escola infantil e primaria na maior parte de Galiza. Iso si, inmersión lingüística en español, malia que a este sistema non se lle chame así, non vaia ser que se descubra a empanada.

 

Son profesor de Lingua Galega no ensino secundario desde hai cinco anos. Nas miñas clases de Sociolingüística, o primeiro que lle pido ao alumnado é que faga unha reflexión das linguas que emprega e que teñen na súa contorna. En máis dun 60% dos casos, o galego é a lingua da familia, entre un 30% e un 40% é a lingua inicial do alumnado mais, na actualidade, dificilmente o 5% continúa a empregar o galego no seu día a día. Xa non digo nas relacións entre iguais, que sería o idóneo, senón coa propia familia que os criou e lles continúa a falar na nosa lingua. Nas súas propias reflexións son conscientes de que a mudanza da lingua aconteceu cando foi a escolarización.

 

E aínda así, Valentín continúa a insistir en que “a inmersión lingüística non é a saída”. E logo non!? Funciona de marabilla! Actúa como unificadora lingüística. E non fai falta ser lingüista nin docente, pois as propias nais e pais deste mesmo alumnado veñen ás titorías preguntándome que poden facer porque consideran esencial que as súas crianzas dominen o galego e non ven como facer para que non o perdan. E o alumnado mesmo é consciente de que esa perda se deu pola educación monolingüe en español, polo profesorado que na educación secundaria non imparte as materias en galego (malia seren obrigatorias) e, sobre todo, porque non hai contextos de uso en que se poidan desenvolver: non atopan persoal sanitario que os atenda en galego, non hai lecer en galego para adolescentes, non hai visibilidade da música en galego nin contido nas redes sociais...

 

Está claro que as clases de matemáticas en galego non son a solución, esta afirmación entra na demagoxia do discurso de Valentín, que é cómplice necesario do supremacismo lingüístico en castelán exercido polo PP. Alguén que non ten vergoña de chuspir sobre os seus coñecementos de Sociolingüística (non esquezamos que Valentín García é filólogo e traballou no Servizo de Normalización Lingüística da Estrada) só por continuar lucrándose beixando o chan que pisan os altos cargos do seu partido.

 

E logo Valentín non sabe de sobra que a inmersión lingüística funciona no País Vasco? E en Cataluña? E que con ese modelo educativo se conseguiu frear a perda de falantes entre as capas etarias máis baixas? Pois claro que o sabe. Abofé que o sabe. E tamén é consciente de que en Galiza o que se impuxo á forza, sen consenso parlamentario e contra a recomendación de toda a comunidade educativa e pedagóxica, é un modelo que tende á inmersión lingüística en español na educación infantil nas cidades e vilas, que non respecta en absoluto a Lei de normalización lingüística (esta si asinada por todo o parlamento). Pero é mellor actuar de cómplice necesario, non vaia ser que perda os seus privilexios de Secretario Xeral.

Ningún comentario:

Publicar un comentario