por Marcos Maceira, no Nós Diario:
Información a persoas usuarias e consumidoras, produtos bancarios, xoguetes, maquinaria, condución, navegación... son algúns dos sectores nos que a lexislación europea impón dentro dos Estados o uso de linguas oficiais que tamén o sexan da propia Unión. Isto faise directamente nos Regulamentos ou, para a transposición á lexislación interna, a través das Directivas. Nestes e noutros sectores, en Galiza o galego non está garantido de principio por non ser ao mesmo tempo oficial no Estado español e na UE. No entanto, si está asegurado o español. Se o galego é presuntamente oficial en Galiza como o pode non ser na Unión Europea que regula e determina, tamén no uso da lingua, tantos aspectos da nosa vida?
A non oficialidade do galego na UE restrinxe a súa oficialidade práctica e efectiva en Galiza. O mesmo acontece co éuscaro e o catalán. Porén, no noso caso hai que lle engadir o crecente interese do Goberno galego por reducir os ámbitos de presenza do noso idioma alí onde ten capacidade de facelo: modificación da lei da función pública, control e posibilidade de abandono do uso na TVG ou campamentos de verán -por citar só casos dos últimos meses-, ou as xa coñecidas restricións no ensino ou na xustiza. Unha imaxe moi fiel de cal é o verdadeiro plan do presidente Rueda e do pacto que promove seguindo os ditados da Fundación Faes de Aznar: desaparición do galego como lingua de uso e de oferta deixándoa como complemento prescindíbel do español.
E o anterior non é unha simples sospeita. Confírmao estes días a oposición frontal do Presidente e do ex presidente da Xunta á oficialidade na UE, participando en conspiracións con outros Estados e aliándose con Vox para impedir calquera recoñecemento para a lingua propia da Galiza. Non lles faltou o aplauso do Secretario da Lingua ou de supostos expertos defensores do idioma aos que escolleron como membros das comisións coas que (tamén en relación ao uso do galego nas institución europeas) pretenden rebaixar o Plan xeral de normalización da lingua galega e convertelo no do enterro do idioma. Para todo teñen os seus sumidoiros.
Algo se albiscou hai un ano cando o alcalde de Ferrol, tamén do Partido Popular, tentou prohibir o uso do galego nos pregos e contratos baseándose na literalidade das Directivas 2014/23/UE e 2014/24/UE e non na Lei de contratos públicos que as traspón. Estas Directivas, matizadas pola lei estatal, sinalan que a preceptiva inserción no DOUE dos procedementos só podía ser realizada nunha lingua oficial do Estado e da UE, por tanto, en español. Esta intención de limitar o uso do galego foi freada pola reacción inmediata e contundente das entidades sociais ferrolás co apoio da Mesa pola Normalización Lingüística.
É evidente que a oficialidade do galego na UE tería incidencia directa na oferta de galego e a posibilidade de uso en todos os ámbitos facendo efectiva a oficialidade do noso idioma no noso país. Non é un debate nominal nen ortográfico. É independente da consideración do galego como variedade de portugués. Esta circunstancia é salvábel do mesmo xeito que acontece co Luxemburgués (variedade de alemán ao tempo lingua oficial da UE, tal e como apuntaba en acertado artigo neste xornal o profesor Henrique Costas). Aliás, a realidade é que para a oficialidade do portugués na UE ter efecto en Galiza ten de ser oficial no Estado español e até hoxe, con tal nome, non o é. Nen sequera nas comarcas de lingua portuguesa inseridas na provincia de Badajoz, onde, sen dereitos recoñecidos, o idioma xa desapareceu entre a poboación de menos de 40 anos.
Máis alá
O que se debate coa oficialidade do galego na UE vai máis alá. É se se debe garantir a presenza, disposición e oferta de galego en todos os ámbitos e para todos os usos en Galiza, tamén nos regulados por disposicións europeas.
A Xunta de Galiza ao servizo do PP e da corte prefire a submisión antes que calquera avance para o noso idioma. Esa é a actitude do Presidente, do Conselleiro e do servil Secretario de Lingua. A súa preocupación aparente é impedir que o Estado invista 40 millóns de euros. O mesmo farían se fosen 0 euros. O que queren impedir é a lingua, o seu recoñecemento a todos os niveis, o seu uso, a oferta correspondente, a visibilidade de Galiza e do galego dentro e en todos os Estados da UE ou o retorno do investimento en posibilidades de postos de traballo, por exemplo, para estudantes de tradución e interpretación da Universidade de Vigo. O seu é o pacto de enterro do galego e de rebaixa do xa incumprido PXNLG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario