Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







quinta-feira, 12 de abril de 2018

Linguas para galegos

por Xavier Alcalá, en La Voz de Galicia:

Bruxelas é unha Babel moderna. En poucos lugares do mundo haberá tal concentración de falas por metro cadrado, e tanto interese por falar varias. De aí que no metro se vexan anuncios de aprendizaxe; e que pola utilidade se suxiran distintas linguas do globo. Hai dez anos primaban os cursos de mandarín; ultimamente, de turco. España anda revolta, e no enguedello político xorden as linguas. A utilidade é un dos argumentos en rexoubas e Cámaras parlamentarias. Así chegamos a se o galego é útil ou non; e daquela podemos volver a Bruxelas, onde os stagiaires galegos con vontade de chegaren a funcionarios da Comisión Europea escollen cursos de portugués. Entran nel coa máis alta cualificación, e grande envexa dos colegas alleos á lingua matriz da lusofonía: a galega.


Hai pouco a RAG publicaba que xa só o 20% dos nenos galegos falan o idioma do país ao chegaren ao preescolar. Grande pena; mais problema corrixible co ensino. Unha política lingüística certeira en Galicia faría que os rapaces estudasen en base ás semellanzas e así rematasen o bacharelato dominando, alén de galego e castelán, o portugués, o francés -de fonética tan semellante á portuguesa- e o inglés, lingua franca do mundo, filla do francés e do saxón. Se algún aínda se atrever co turco, xa tería un currículo insuperable.

Sem comentários:

Enviar um comentário