Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 30 de xaneiro de 2012

O que nos indican os presupostos da SXPL


O orzamento da SXPL sufriu unha baixada dun 60% desde que entrou o novo goberno ata o momento actual. Isto nunha primeira lectura. Se temos en conta que o IPC se incrementou neste tempo nun 6,3%, chegamos a unha conclusión tan estarrecedora como incuestionable: por cada 100 € do presuposto do 2009, agora a SXPL pasa a ter 38 €. Este gráfico, explica mellor que ningún estudo encerellado, cal é a dirección da política lingüística do presente goberno da Xunta.



Ao facermos unha análise semellante para a dotación aos proxectos de normalización nos centros públicos, vemos que  a baixada foi dun 75% no mesmo período. Se a isto lle aplicamos a diminución do valor do diñeiro que implica o IPC temos que un Equipo de Normalización, se no 2009 dispoñía de 100 € de agora ficará con 23 €.
Cando hai algo máis dun ano desde o blogue Escola de Ferrado apuntábase mediante unha aventurada regra de 3 que nos catro anos de goberno de Feijóo a diminución do orzamento podía levar á súa eliminación completa Daquela eu pensaba que esaxeraba un pouco. Agora teño que lle dar a razón.
Non é que pense que vaian pechar a SXPL, pero a efectos prácticos, o resultado vén sendo o mesmo. Botando un ollo ás previsións presupostarias para o 2012 vemos como se lle pecha a porta aos proxectos máis dinámicos de fomento do uso da lingua e ademais de excluir calquera tipo de campaña de promoción. Despois de eliminados 16 SNL nos Concellos, a Rede de Dinamización Lingüística vai ser un esquelete sen carne; unha esrutura sen presuposto para nada máis que para manterse a si mesma. Mentres nos concellos que quede algún traballador da normalización ou ben acabará atendendo nos despachos de asistencia social ou, aínda peor, traducindo ao galego os informes que secretarios ou outros funcionarios non quixeron escribir máis que en castelán. Os ENDL dos centros de ensino terán como principal actividade a de poñerse á porta dos supermercados a pedir esmola para realizaren algunha actividade.
As únicas partidas que se aumentan son as adicadas aos traballos de investigación (a  lóxica é sempre perversa) e ao gasto corrente. Isto último, quizais para poder manter a pompa de actos baleiros de contido nos que o secretario xeral xunto ao político de turno armen o circo de loubanzas a unha lingua cada vez máis reducida, máis desprezada, máis excluída e máis prohibida.
Estamos a un paso de que a SXPL fique nunha cámara de funcionarios sen funcións. Ésta será a mellor proba de que esta terra non hai xente, senón xentiña.

P.D.: os datos para as gráficas están tirados de [1] e [2]

Ningún comentario:

Publicar un comentario