Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 25 de abril de 2010

Progresividade

Hai algúns días deixáramos constancia no taboleiro un artigo do normalizador Iván Méndez López. Isto fíxonos lembrar outras aportacións do mesmo autor a respecto da lingua galega e que nos agradaran especialmente pola súa claridade. Por esta razón imos recuperalos. O primeiro destes artigos foi publicado polo Xornal de Galicia un día ben triste para a nosa lingua, o 31/12/2009. Estas palabras aparecían no xornal algunhas horas antes de que se deran a coñecer as bases para o decreto chamado de plurilingüismo.

Comecemos polo obvio: os pais e as nais carecen do dereito a elixiren a lingua en que se lles ensina aos seus fillos. E digo obvio porque o Tribunal Constitucional negou este suposto dereito con rotundidade: para mostra, a sentenza 337/1994.

Quen di o contrario, mente. A suposta liberdade de elección prometida polo PPdG e ansiada polos sectores galegófobos non aparece por ningures. Nin na Constitución, nin no Estatuto nin na xurisprudencia. Feijóo sábeo. Sabíao antes das eleccións e sábeo hoxe. Por algo é funcionario do corpo superior da Xunta e licenciado en Dereito. Sabe tamén que a educación é unha actividade regulada pola Comunidade Autónoma dentro das súas competencias, e entre elas, entra determinar o emprego das linguas no ensino. É o mandato constitucional. Feijóo coñece, ademais, que o galego ten de ser ensinado con tal intensidade que se permita o seu dominio ao rematar a educación obrigatoria. Aparece na Lei Orgánica de Educación, na xurisprudencia do Constitucional, na Lei de Normalización. Tamén, e para conseguir unha competencia oral e escrita en igualdade das dúas linguas, a implantación do galego do ensino ten de ser, necesariamente, progresiva. De aí os chanzos que dende 1983 temos subido: o Decreto 247/1995 e o Decreto 124 / 2007. A progresividade: con este fin naceu o Decreto 124/2007, un decreto apoiado nun amplo consenso, social e político. O consenso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, apoiado por unanimidade na época da Xunta fraguista, con Feijóo de segundo de abordo. Mais tamén o consenso do bipartito. Os tres partidos políticos principais traballaron na súa elaboración. As hemerotecas están aí para o corroboraren: o decreto “garante a competencia lingüística nas dúas linguas ”, dixo unha deputada popular aos medios días antes de se levar á cámara.

O consenso do 50 %, como mínimo. Nin unha vírgula modificada a respecto do PXNLG. Menos sería retroceder, e por iso Feijóo é consciente de que está a mentir cando di que quere recuperar o consenso, ese que o decreto “rompeu de forma unilateral”. A unilateralidade foi a súa, a que lle ditaron en Madrid. Agora, unilateralmente, saca un decreto co único consenso na galegofobia. Esa que nestes días anda a facer un aviso para navegantes.

Nun político agárdase a mentira. Entra no xogo. Nun especialista, nun investigador, nun experto, non. Os silencios e as complicidades, ás veces, son peores que as mentiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario