Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 28 de febreiro de 2020

Tecín soia a miña tea




Outro ano máis (2016, 2017, 2018 e 2019), o concello da Estrada presenta o vídeo no que homenaxea a Rosalía de Castro e así celebra o seu día. Un novo acerto e un vídeo marabilloso con música de Guadi Galego sobre o poema Tecín soia a miña tea e unhas imaxes tan ben recollidas que ata lugares tan pouco agraciados como a Rúa da Cultura pola que eu chego todos os días ao traballo, aquí son recollidos con tanta sabiduría que ata parecen fermosos.
A trama é simple e está moi ben traída. Rosalía sae da Casa da Matanza, e despois dun breve paseo por Padrón achégase ás terras estradenses. Na Estrada visita os máis diversos lugares, desde o Pazo de Oca, a ponte de Pontevea ou a Torre de Guimarei. A mensaxe está clara, Rosalía segue estando connosco.
O final do vídeo con Rosalía paseando pola feira ou falando cos rapaces do CEIP Pérez Viondi mentras soan os acordes doutro éxito de Guadi Galego cantando a unha lingua chea de vida é toda unha declaración, unha chamada a seguirmos a estela de Rosalía en todo momento e en todo lugar. Unha chamada a seguir usando a nosa lingua tanto no mundo empresarial como a transmitillo aos nosos nenos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario